Estás en:Novas

A Deputación adquire un vehículo para o servizo de Axuda no Fogar de Dodro

Con este, son xa 15 os concellos coruñeses que contarán cun vehículo da Deputación para os desprazamentos das traballadoras do SAF, que realizan unha gran cantidade de desprazamentos no seu día a día

A Deputación adquire un vehículo para o servizo de Axuda no Fogar de Dodro

O Concello de Dodro ven de recibir un novo vehículo que se destinará aos Servizos de Axuda no Fogar (SAF). O coche foi adquirido grazas a unha subvención da Deputación da Coruña.

Na recepción do coche estivo o alcalde de Dodro, Xabier Castro Tourís, acompañado pola deputada de Política Social da Deputación da Coruña, Mar García Vidal. Ambos os dous destacaron a importancia de estas subvencións que resolven unha das eivas de equipamento do SAF.

Mar García destacou que "esta nova liña de axudas da Deputación responde a unha das principais demandas que nos trasladan tanto os concellos como as traballadoras no Servizo de Axuda no Fogar, que polo seu traballo realizan unha gran cantidade de desprazamentos. Este problema ten especial incidencia nos municipios rurais, onde hai maior dispersión da poboación, o que obriga ás profesionais do SAF a percorrer unha cantidade considerable de quilómetros diarios, o que ata agora se viña asumindo con vehículos particulares", explicou.

García destacou "o gran traballo que realizan as profesionais dos servizos de axuda no fogar coidando dos nosos maiores" e afirmou que para a Deputación "é importante coidar tamén ás coidadoras".

Neste sentido, subliñou que durante o mandato de Valentín González Formoso a Deputación incrementou de 4 a 9,1 millóns de euros o orzamento co que financia o SAF nos concellos da provincia, o que permite hoxe cofinanciar máis de 400.000 horas anuais de axuda no fogar e incrementar a achega económica da Deputación de 12€/hora a 14 €/hora por este servizo.

Pola súa banda, o alcalde de Dodro, Xabier Castro, agradeceu a colaboración da Deputación para a adquisición deste vehículo, que facilitará os desprazamentos das traballadoras do SAF municipal.

Ademais de Dodro, outros catorce concellos contan xa ou contarán este ano cun vehículo da Deputación para o SAF: Cabanas, A Baña, Mesía, Coirós, As Pontes, As Somozas, Aranga, Carnota, Irixoa, Mañón, Ortigueira, Outes, Tordoia e Oza-Cesuras.

--