Estás en:Novas

A deputada Cristina García presentou en Santiso o investimento de 740.000 euros do Plan único

A deputada de Plans Provinciais e Asistencia a Municipios reuniuse co alcalde, Manuel Adán, con quen visitou a obra de pavimentación do camiño de Belmil a Penaposta, executada con cargo ao Plan único de 2023

A deputada Cristina García presentou en Santiso o investimento de 740.000 euros do Plan único

A deputada de Plans Provinciais e Asistencia a Municipios, Cristina García, reuniuse na casa do Concello de Santiso co alcalde, Manuel Adán, para presentarlle o investimento que o Plan único da Deputación fai este ano nese municipio: 740.244,78 euros, dos 3.730.496,94 que reparte na comarca da Terra de Melide.

García interesouse polas necesidades de Santiso en canto a obras, servizos, investimentos e futuros proxectos para o concello, e visitou os traballos de pavimentación do camiño de Belmil a Penaposta, executados con cargo ao Plan único de 2023.

A deputada reafirmou a importancia do POS+, "pois permite dar resposta ás situacións e necesidades concretas de cada concello, reforzando a súa autonomía e responsabilidade, pero ademais supón unha poderosa ferramenta para racionalizar e obxectivar a colaboración da Deputación cos municipios da provincia na realización de investimentos".

"Ademais, o Plan único", engadiu García, "representa un novo modelo de cooperación cos concellos, máis transparente e máis xusto, e contribúe a sanear as economías municipais, axuda a que as administracións locais poidan acometer non só obras coma a que visitamos aquí en Santiso, senón tamén servizos públicos básicos: a iluminación pública, a recollida de lixo, a limpeza viaria e o mantemento de programas sociais para apoiar as familias que máis o necesitan, entre moitos outros".