O Santiago(é)Tapas, organizado por Turismo de Santiago co apoio da Deputación, premia a proposta de O Sendeiro
O vicepresidente, Xosé Regueira, asistiu á 16ª edición deste concurso que tivo lugar esta tarde no auditorio de Galicia, onde sinalou que a gastronomía "é unha grande aliada nas estratexias de promoción turística xa que contribúe a xestionar fluxos, desestacionalizar e atraer a un perfil de turista diferencial que valora o moito e o bo que o noso sector é capaz de ofrecer"
O Sendeiro recibiu os premios á mellor tapa creativa, mellor tapa en maridaxe con viño e mellor tapa sen glute, compartindo podio con Sessanta & Novanta, La Morena e Mercedes

O Auditorio de Galicia acolleu esta tarde o acto de entrega de premios do XVI Santiago(é)Tapas, organizado por Turismo de Santiago co apoio da Deputación da Coruña. A proposta de O Sendeiro, "bonito, millo e lagostiño" foi a gran triunfadora, recibindo os recoñecemento á mellor tapa creativa, mellor tapa en maridaxe con viño e mellor tapa sen glute.
Regueira explicou durante a súa intervención que este concurso "encaixa á perfección coa estratexia de turismo da Deputación, que sitúa a gastronomía como principal destino turístico da provincia". E é que, tal e como afirmou, "o futuro do turismo pasa pola gastronomía que, ademais de permitirnos degustar pratos e produtos de gran nivel, é unha grande aliada nas estratexias de promoción turística xa que contribúe tamén a xestionar fluxos, desestacionalizar e atraer a un perfil de turista diferencial que valora o moito e o bo que o noso sector é capaz de ofrecer".
O vicepresidente fixo tamén referencia á campaña 'A paisaxe que sabe', "que nos permite levar diferentes propostas gastronómicas a eventos de ámbito estatal e incluso internacional como Madrid Fusión, Gourmets ou Gastronómic Fórum, entre outros, que son escaparates idóneos para que a provincia despunte". Unha paisaxe "que ademais de ser fermosa, conta cun valor fundamental: as persoas que viven nela". Neste sentido, Regueira puxo en valor o traballo de profesionais da produción local, "que xeran oportunidades e emprego no rural" e da restauración, "capaz de transformar eses alimentos de primeira calidade en bocados que reflicten a autenticidade do noso país". "Todo iso", engadiu, "co máximo mimo pola contorna e polo produto".
Propostas gañadoras
Nesta edición presentáronse ao concurso 68 propostas de 42 locais composteláns. As tapas gañadoras foron:
- Mellor Tapa Creativa, dotada cun diploma e 1000 euros: 'Bonito, millo e lagostino' de O SENDEIRO. Cabe destacar que O Sendeiro é un establecemento que conta coa distinción á calidade turística SICTED.
- Mellor Tapa Tradicional, dotada cun diploma e 1000 euros: 'Milfollas de bacallau con cebola caramelizada' de SESSANTA & NOVANTA
- Mellor Tapa Doce, dotada cun diploma e 1000 euros: 'Ouro de castaña e mazá' de LA MORENA
- Mellor Tapa en Maridaxe con Viño, dotada cun diploma e 500 euros en produto: 'Bonito, millo e lagostino' de O SENDEIRO
- Mellor Tapa en Maridaxe con Cervexa, dotada cun diploma e 500 euros en produto: 'Crocante de sardiña afumada' de MERCEDES
- Mellor Tapa sen Glute, dotada cun cheque valorado en 200 euros para a compra de produtos aptos para persoas celíacas: 'Bonito, millo e lagostino' de O SENDEIRO
Ademais, tamén recibiron unha chaquetiña cortesía da empresa Utimaq, os 10 locais finalistas que foron, por orde alfabética, Artesana, coa tapa 'Xenerais da Ulla'; Bodeguilla de San Lázaro, con 'Cocido galego'; Bodeguilla de Santa Marta con 'Sabores da terra'; La Morena con 'Ouro de castaña e mazá'; O Sendeiro con 'Bonito, millo e lagostino' e 'Galmesán, solombo e pesto'; O Testo con 'Mandarina morada do Cebreiro'; Oca Puerta del Camino con 'Repolo, papada de porco Celta e cigala'; Orixe con 'Que morro temos!'; Sessanta&Novanta con 'Milfollas de bacallau con cebola caramelizada' e Vilar 64 con 'Pan chino'.