Memoria histórica e democrática
A área de Cultura impulsou nos últimos anos diferentes iniciativas dirixidas á restauración da dignidade e memoria democrática republicana e á denuncia da represión padecida durante todo o período franquista.
Algunhas delas son estas:
Proxecto Xeración perdida.
A Deputación da Coruña promove, xunto coa Universidade de Santiago, un proxecto de investigación pioneiro que busca recuperar a memoria das corporacións municipais que padeceron represión despois do golpe militar de 1936. A base de datos coa información porase a disposición dos concellos para que lembren e organicen homenaxes aos representantes públicos que padeceron asasinato, prisión ou exilio.
Homenaxe ás corporacións represaliadas.
O 28 de xullo de 2016, 80 anos despois do golpe militar, a Deputación da Coruña rende homenaxe ás corporacións democráticas represaliadas en 1936. O acto está presidido por dous retratos de José López Bouza e Ánxel Casal, presidente e vicepresidente da Deputación da Coruña paseados no verán de 1936. Participan representantes institucionais dos concellos nun acto que se desenvolve na propia sede da Deputación.
Participación da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás.
A Deputación convoca en agosto de 2017 a primeira reunión do grupo promotor da Xunta Pro Devolución do Pazo de Meirás que ten como obxectivo poñer fin á posesión da propiedade pola familia Franco e a súa incorporación ao Patrimonio público. Con este fin, elabóranse un informe xurídico e outro histórico para iniciar un proceso en que participan concellos e outras institucións, ademais de entidades de recuperación da memoria histórica.
Colaboración coas entidades de recuperación da memoria histórica.
A través das liñas de axuda ou con apoios específicos para proxectos e actividades, a Deputación da Coruña contribúe e participa nas iniciativas das asociacións que traballan na recuperación da memoria histórica, piares fundamentais para o remate do silencio sobre a represión franquista.