Programación propia
A acción cultural da Deputación da Coruña desenvólvese fundamentalmente a través de liñas que buscan favorecer os proxectos e iniciativas dos concellos e das entidades sen ánimo de lucro, e por tanto non se centra no desenvolvemento de programación propia. Con todo, no calendario cultural do ano desde a área de Cultura poñemos en marcha propostas culturais propias vinculadas a datas de referencia (Día do Teatro, Festa da música) ou efemérides culturais.
Neste último cuadrimestre pechamos o ano cos espectáculos do Outono das artes, unha programación no territorio que conta con actividades de música, danza, teatro e audiovisual con propostas orientadas a públicos diversos, desde a infancia e as familias ata recitais e representacións dirixidas a un público adulto, reforzando así o carácter plural e inclusivo do ciclo. Outono das Artes é unha aposta decidida pola descentralización cultural, a accesibilidade á cultura e de apoio ao talento galego, garantindo que a veciñanza de toda a provincia poida gozar dunha programación de primeiro nivel sen ter que desprazarse a grandes cidades.
Outono das artes ofrece 20 propostas artísticas e 90 citas que podes consultar aquí:
Música:
Ialma, Homenaxe
De Ninghures, Unha revisión da foliada galega
Uxía, Será por flores
Recital de piano Memorial Mireya Dieste
Danza e teatro:
Proxecto Morrinha: Od(i)osa
Laboratorio Escénico, Blues de Medianoite
Gallaecia Eventos, Na cerna do son
Audiovisual:
Navíos e Folerpas, Lévame a idea
Alicia Úbeda, Ratiña
Arraianos, Prisciliano e a Gallaecia
Teatro:
Tolóptica, Código Azul
Producións Excéntricas, As desterradas
Os Náufragos Teatro, Bulebule
Cía Perez & Fernández, Nanai da China
Ítaca Teatro, Profetas
Cía Morraoconto, Tromsø
Por outra banda, na nosa programación no Teatro Colón, apostamos pola singularidade que nos ofrece o Ciclo Tándem. Este outubro asistiremos a catro concertos únicos, Tándem nace pola intención da área de Cultura da Deputación da Coruña de, en tempos convulsos e moitas veces escuros, apostar pola diversidade, as mans tendidas, a colaboración de diferentes.
A toma de contacto co ciclo virá da electrónica atlántica de Grande Amore (Galiza) fronte á ensoñación pop de Verde Prato (Euskal Herria). E de aquí á ponte cultural de raíces e fíos co país veciño proposta por Caamaño&Ameixeiras (Galiza) e Sús (Portugal). O terceiro dos tándems parte da elegancia de alta costura de Rita Payés (Cataluña) e a intensidade visceral do trío Nacho Faia Lar (Galiza). O peche será 100% galego e en primicia: o encontro do indómito e arriscado Emilio José nun novo proxecto elaborado co estupendo grupo experimental de corda Suelen Estar Quartet.
No mesmo escenario do Teatro Colón, no mes de novembro, poderemos asistir por segundo ano consecutivo ao Ciclo Músicas Posíbeis, unha selección de cinco concertos cos que poder gozar da proposta da pianista e compositora galega, Aida Saco Beiroa que na presentación do seu traballo Urdimes estará acompañada nalgunhas das pezas por un cuarteto de corda e algunha sorpresa máis.
Hernani Faustino secundará ao trío de música improvisada Trinity, formado polo saxofonista Luis Erades, o guitarrista Pablo Rega e o batería Fernando Lamas, na súa exploración da libre forma e da composición instantánea.
Terreiro Mestiço xorde dunha residencia creativa no marco da Mostra Galiza Coimbra 2025. Cunha dimensión claramente festiva, a actuación celebra a creación artística, a diversidade e o diálogo intercultural entre Galicia, Brasil e Portugal da man de António Nóbrega, Ceumar, Luís Pedro Madeira, Manuel Rocha, Quiné Teles e Uxía.
Mestura marca unha nova etapa na carreira de María Toro. A busca e a experimentación transfórmanse agora nunha conversa entre o jazz, o flamenco, a música clásica, a música popular brasileira, o rock progresivo e o folclore galego.
Finalmente FAIA presenta Alvela, unha experiencia íntima e conmovedora onde o repertorio tradicional dialoga coa experimentación sonora. Nanas, romances e outras cantigas de transmisión oral traspasadas pola experiencia da maternidade, a memoria do corpo e a violencia sistémica que se exerce sobre el.