Que facemos?
Subvencionamos a contratación do persoal da área de cultura. Financiamos a a contratación técnicos e técnicas de xestión cultural, de animadores e animadoras socioculturais e de técnicos e técnicas para a atención e dinamización dos museos e centros de interpretación dos concellos da provincia.
Garantimos a posibilidade dunha boa oferta cultural en todos os concellos, a través da Rede Cultural e das liña específicas de apoio aos festivais de cinema, música e artes escénicas dos concellos da provincia.
A Rede Cultural, cun orzamento total de 2 millóns de euros, desenvolverá catro programas: Escena ao Vivo, Visións, Alicerce e Lingua a Escena!
Pola súa banda, a liña de apoio a festivais -a máis importante das existentes en Galiza- serve para consolidar eventos de referencia como o Curtocircuíto, Cineuropa, Cinema Crianza, Carballo Interplay, Chanfaina Lab, Galicreques ou o Festival de Ortigueira.
Todo isto para alén de pór en marcha como Deputación o Plan Único de Concellos, onde se integraron as dúas liñas para actividades e investimentos culturais dos concellos, co obxectivo de potenciar a súa autonomía e deixar nas súas mans a priorización da súa acción política
Apoiamos o desenvolvemento das actividades e dos investimentos culturais dos:
- colectivos, entidades e asociacións culturais sen ánimo de lucro
- entidades de natureza sociopedagóxica e vinculadas ao campo da educación e o ensino
- asociacións de natureza social e asistencial
- entidades de natureza veciñal
Creamos liñas específicas de apoio para as programacións culturais das fundacións culturais, dun lado, e para as bandas de música, entidades de música coral e asociacións e colectivos de música e baile tradicional, doutro.
Con elas apoiamos entidades como a Fundación Luís Seoane ou a Fundación Granell ou a Fundación Rosalía de Castro e entidades como Xacarandaina, a Asociación de Gaiteiras e Gaiteiros Galegos, Toxos e Froles, a Coral Polifónica El Eco ou a Banda Municipal da Visantoña.
Ademais, tanto asociacións como fundacións teñen aberta unha liña específica de apoio a festivais, a través da que apoiamos eventos singulares da provincia como o festival S8, o FIOT de Carballo, o WOS Festival, o Feito a Man, o V de Valarés ou o Festigal.
As entidades sectoriais representativas dos diferentes ámbitos da cultura contan cunha liña específica de apoio para as súas actividades.
A través dela subvencionamos a entidades como Escena Galega, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia ou a coordinadora de festivivais audiovisuais Proxecta.
Contamos cunha liña específica de apoio á produción de proxectos culturais de especial interese cultural, dirixido a empresas e persoas autónomas.
Temos unha convocatoria específica de apoio á distribución e exhibición de cinema en lingua galega nos concellos da provincia.
A política de apoio a creadores e creadoras que desenvolve a Deputación céntrase en dous eixos moi consolidados: as bolsas artísticas e de investigación, dun lado, e os premios en diferentes disciplinas artísticas, doutro.
No caso dos premios, a área de cultura convoca unha ampla serie de certames dirixidos a fomentar e visibilizar a creación en moi diferentes disciplinas. Moitos deles son galardóns de referencia no noso país e mesmo fóra del.
- Quero Cantar / música infantil e xuvenil en galego
- Fran Pérez "Narf "/ artistas e bandas de pop, rock e outras música
- Andrés Gaos / composición musical
- Luís Ksado / fotografía
- Jesús Núñez / gravado
- Díaz Pardo / pintura e arte
- Antón Fraguas / artesanía
- Torrente Ballester / narrativa en galego
- Torrente Ballester / narrativa en español
- Raíña Lupa / literatura infantil e xuvenil
- González Garcés / poesía
- Rafael Dieste / teatro
- Castelao / banda deseñada
- Manuel Murguía / ensaio
- Begoña Caamaño / iniciativas culturais pola igualdade
- Certame "Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia"
No caso das bolsas, é a área de Educación quen convoca anualmente bolsas de apoio á formación artística e de apoio á investigación de diferentes áreas e ámbitos.
Para alén da nosa liña principal, a de favorecer e impulsar a densidade cultural no territorio a través dos proxectos e actividades dos concellos e das entidades sen ánimo de lucro, a área de Cultura xestiona ou participa da programación de diferentes espazos culturais (o Teatro Colón, a Biblioteca Provincial, o Conservatorio Profesional de Danza) e organiza diferentes programacións propias no territorio.
Estas últimas atenden de forma preferencial as efemérides culturais e sociais (Día de Rosalía, Día do Libro, Día das Letras, Día Internacional das Mulleres...), as conmemoracións que protagonizan cada ano (centenario das Irmandades da Fala, centenario de Pondal, ano Chané...) e a presenza en feiras e eventos de interese cultural (Culturgal, Feiras do Libro ...).
Os eixos da nosa política cultural
Dentro do conxunto de liñas de traballo que desenvolvemos desde a área de Cultura son cinco os elementos caracterizadores da etapa actual, as nosas apostas principais tanto nos contidos como nas formas de facer.
Concurso de proxectos de cultura pola igualdade Luísa Villalta. Con esta iniciativa, as áreas de Cultura e Igualdade danse a man para apoiar o desenvolvemento de dez propostas artísticas e iniciativas culturais que contribúan a fomentar a igualdade desde a cultura. O concurso está dotado con fondos que se destinan a proxectos orixinais e inéditos en distintos campos artísticos.
Bolsas de investigación específicas sobre temáticas de xénero. Ás categorías xa existentes na convocatoria, engadiuse a creación de bolsas de estudos de xénero pola que se apoiaron investigacións arredor da igualdade na xestión das empresas turísticas, o asociacionismo das mulleres rurais galegas, a emigración feminina a Suíza ou a ausencia de alternativas ao discurso pro-maternal.
Premio Begoña Caamaño. En 2017 creamos esta iniciativa que busca recoñecer persoas e proxectos culturais e artísticos que promoven a igualdade de xénero desde o pensamento feminista e desde o campo da cultura.
Proxecto Xeración perdida. A Deputación da Coruña promove, xunto coa Universidade de Santiago, un proxecto de investigación pioneiro que busca recuperar a memoria das corporacións municipais que padeceron represión despois do golpe militar de 1936. A base de datos coa información porase a disposición dos concellos para que lembren e organicen homenaxes aos representantes públicos que padeceron asasinato, prisión ou exilio.
Homenaxe ás corporacións represaliadas. O 28 de xullo de 2016, 80 anos despois do golpe militar, a Deputación da Coruña rende homenaxe ás corporacións democráticas represaliadas en 1936. O acto está presidido por dous retratos de José López Bouza e Ánxel Casal, presidente e vicepresidente da Deputación da Coruña paseados no verán de 1936. Participan representantes institucionais dos concellos nun acto que se desenvolve na propia sede da Deputación.
Participación da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás. A Deputación convoca en agosto de 2017 a primeira reunión do grupo promotor da Xunta Pro Devolución do Pazo de Meirás que ten como obxectivo poñer fin á posesión da propiedade pola familia Franco e a súa incorporación ao Patrimonio público. Con este fin, elabóranse un informe xurídico e outro histórico para iniciar un proceso en que participan concellos e outras institucións, ademais de entidades de recuperación da memoria histórica.
Colaboración coas entidades de recuperación da memoria histórica. A través das liñas de axuda ou con apoios específicos para proxectos e actividades, a Deputación da Coruña contribúe e participa nas iniciativas das asociacións que traballan na recuperación da memoria histórica, piares fundamentais para o remate do silencio sobre a represión franquista.
Ordenanza Lingua galega. En maio de 2016 aprobouse a ordenanza de uso da lingua galega, o documento oficial que impulsa e inclúe o uso da nosa lingua en todos os ámbitos de actuación e busca ser unha ferramenta útil para fomentar uso do galego na Deputación da Coruña.
Colaboración con asociacións e proxectos de dinamización lingüística. A Deputación apoia iniciativas de normalización lingüísticas como o Correlingua, Youtubeir@s ou Tíralle da LIngua e entidades como a Mesa pola Normalización Lingüística, a AS-PG ou a Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización Lingüística para promover o uso do galego, moi especialmente entre a xente nova. Coa MNL participou no proxecto Tosta de linguas minorizadas.
Servizos de Normalización Lingüística: A Deputación da Coruña financia todos os anos a contratación do persoal dos servizos de normalización lingüística dos concellos.
Bolsas de investigación específicas. En 2016 creouse unha nova área nas bolsas de investigación: a de planificación sociolingüística da lingua galega, pola que se apoian cada ano dúas investigacións neste campo.
Quero Cantar. O concurso de música infantil e xuvenil Quero Cantar naceu en 2016 como unha iniciativa que busca achegar ás xeracións máis novas ao uso da nosa lingua a través da canción.
Criterios e programas específicos na Rede Cultural. A lingua galega é a vehicular do circuíto cultural da Deputación da Coruña, que promove de maneira especial a difusión da creación nosa cultura. O circuíto da Deputación da Coruña inclúe na vindeira edición un novo programa de contidos específicos para a dinamización da lingua galega. A través de “Lingua a escena!” os concellos poderán contratar espectáculos musicais e escénicos que aborden de xeito específico a normalización do noso idioma.
Liña de contidos audiovisuais en lingua galega. A área de Cultura crea unha nova liña de axudas, a primeira para empresas audiovisuais, e de carácter específico para favorecer a distribución e a exhibición de filmes en lingua galega
A acción cultural da Deputación da Coruña conta cunha ferramenta específica para apoiar a existencia dunha oferta cultural ampla e diversa no conxunto dos concellos e comarcas da provincia.
A Rede Cultural, cun orzamento anual de 2.000.000 €, apoia a actividade artística profesional e non profesional do campo das artes escénicas, a música e o audiovisual a través dun sistema de cofinanciamento das programacións, con catro programas especializados:
- ESCENA AO VIVO. Programación profesional de teatro, monicreques e danza para concellos.
- VISIÓNS. Programación profesional de cinema e contidos audiovisuais para concellos.
- ALICERCE. Programación de música, danza e teatro non profesional para concellos e entidades.
- LINGUA AO VIVO! Novo programa de espectáculos profesionais de artes escénicas e música para concellos, especializado en contidos relacionados coa dinamización social da lingua galega.
Desde a área de Cultura da Deputación da Coruña desenvolvemos a nosa aposta pola cooperación cultural con concellos e entidades a través, fundamentalmente, da convocatoria anual de subvencións.
Fronte á fórmula precedente das subvencións nominativas, apostamos pola súa eliminación e pola creación de liñas específicas de concorrencia competitiva: claras, transparentes, eficaces, con criterios de baremación obxectivos e con comisións de valoración das que participan persoas expertas alleas á propia Deputación.
O novo modelo de axudas explícase cos seguintes datos e criterios:
- Concorrencia fronte discrecionalidade. Eliminación de subvencións nominativas e substitución por liñas específicas de concorrencia competitiva.
- Baremación obxectiva. Elimínase o "interese provincial" e créanse comisións de valoración con representantes dos propios sectores. Nas liñas, o 70% da valoración é obxectiva e o 30% restante valórano persoas expertas de cada campo cultural.
- Diálogo cos sectores. Na creación e valoración das liñas contouse co contraste directo cos diferentes axentes de cada sector cultural.
- Atención específica a cada ámbito. Créanse liñas específicas para festivais, para fundacións e para entidades de cultura popular e tradicional (bandas de música popular, corais polifónicas, escolas e grupos de música e baile tradicional…).
- Creación de emprego. Foméntase a contratación de persoal técnico no campo da xestión cultural e dos museos e centros de interpretación locais.