Xornadas Técnicas da Rede Cultural da Deputación Provincial da Coruña
Estas xornadas estritamente pragmáticas, con carácter técnico e reflexivo, formativo e con espírito colaborativo, nacen para facilitar e mellorar a calidade do servizo que presta a Rede Cultural á cidadanía.
A implicación dos tres grupos (creadores/as, distribuidores/as e público), polo tanto, é clave. Cada un ata onde queira, poida ou sexa capaz. E para iso están estes encontros, para aumentar as capacidades de crecemento e mellora dun servizo público, esencial para a cohesión social, entre todos os grupos implicados e coa perspectiva de accesibilidade e inclusión de xeito transversal en todas as xornadas.
2º FORO DE TRABALLO
A mocidade e as artes
26 de marzo de 2026
Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros
Nesta segunda Xornada formativa que ofrece a Rede Cultural da Deputación da Coruña, enfocaremos un dos temas que máis interesa e preocupa na Xestión Cultural hoxe: o papel da xente nova na vida cultural. Chama a atención, aparece en foros profesionais, o persoal técnico fala das dificultades para conectar coa realidade da mocidade a través dos espazos e das actividades culturais, pero se cadra cómpren outras ferramentas, novos xeitos, canles diversas, estratexias que non se tiveron en conta ou que custa levar a cabo para lograr efectivamente ese obxectivo.
Fronte ás actitudes paternalistas ou dirixistas e a criminalización de comportamentos e actitudes que pode ter a xente nova, existen outras posicións moito máis positivas e construtivas para establecer canles coa mocidade, baseadas na confianza, o estímulo, o acompañamento e a escoita da xente moza na esfera pública, nomeadamente na vida cultural.
Cómpre cambiar certos modos de facer e de organizar e xestionar as actividades enfocadas para o público infantil e xuvenil para que se sintan verdadeiramente interpeladas/os, escoitados/as e considerados/as. Existen varias alternativas a esa forma de facer baseada en propor e deseñar actividades para a mocidade, que poden mudar a preposición "para" pola preposición "con" ou "desde". Un pequeno cambio con grandes consecuencias. Un xiro sutil que cambiará procedementos para garantir os seus dereitos de participación e incidencia na toma de decisións, que non leven á xente moza nin á frustración nin ao abandono ou o illamento nas súas individualidades e inseguridades. Programar con elas e con eles, desde eles, non tanto para elas e eles.
Roberto Pascual
Coordinador das xornadas técnicas da Rede Cultural
PROGRAMA:
16:00 h. Recepción e acreditación de participantes.
16:30 h. Benvida das autoridades e do coordinador do programa.
16:45 h. Inicio da dinámica conducida por Carlota Mosquera.
19:30 h. Remate da xornada e conclusións.
20:00 h. Visita guiada á Conserveira de Sel.
Simulando un Consello da Mocidade, organismo que moitas Comunidades Autónomas teñen, co fin de garantir o cumprimento dos mandados constitucionais do artigo 48, sobre os dereitos da mocidade, desenvolveremos un espazo que poida canalizar a voz libre e de maneira eficaz da xente nova na toma de decisións, prioridades e modos de relacionarse a través de contidos e espazos culturais interxeracionais e transdisciplinares, fóra de guetos.
A participación e a evolución de dinámicas é clave para non caer no perigo de crear espazos pechados ou exclusivos para a mocidade, sen contacto con outras realidades ou que acaben reforzando tópicos sobre tendencias maioritarias da xente nova: videoxogo, música, banda deseñada... Acompañar e incluír a súa voz na esfera xeral da cultura, fóra dos seus lugares de confianza.
Esta Xornada terá lugar no Centro Cultural e Xuvenil de Muros, un espazo que acolle tanto o auditorio como a OMIX ou a Biblioteca, unha oportunidade para a sociabilización e a convivencia de formatos e sectores. Muros, ademais, posúe un espazo especificamente pensado para a mocidade, descentralizado, no núcleo urbano de Serres, a Sala NASMO. Nave de servizos á mocidade. Este contexto e estes antecedentes serven para explorar a posibilidade de posta en funcionamento dun Consello Municipal da Mocidade, un organismo que permita resolver dúbidas, canalizar peticións, vehiculizar suxerencias e propostas creativas da mocidade, así como proxectos novidosos de voluntariado cultural.
O movemento asociativo debe ser cómplice e ter un papel fundamental neste terreo. Especialmente no Concello de Muros, pois a realidade territorial indícanos que para traballar na dinamización da cultura entre a xente moza debemos ter un enfoque claro cara o asociacionismo, aspecto de gran relevancia e un dos grandes motores das iniciativas culturais do municipio, tanto por funcionar como vínculo co tecido social como por reforzar a diversidade cultural.
Como será a actividade que dinamizará a actriz e presentadora Carlota Mosquera?
Pensamos en realizar unha especie de Parlamento mozo, no cal Carlota será a Presidenta.
Neste órgano cidadán estarán representadas persoas que se adican á xestión cultural (Técnicos/as de Cultura), representantes de Asociacións profesionais, Técnicas de Normalización Lingüística e representantes políticas. Ademais, por cores, teremos estes ámbitos:
- Voluntariado e cultura. Acompañantes e conversadores para persoas con discapacidade, persoas maiores ou persoas na soidade non desexada. Convidaremos a representantes de ONGs, algunha das moitas asociacións locais vinculadas coa cultura, traballadoras/es sociais e traballadores/as en centros de día.
- Centros educativos. Convidaremos a representantes da ANPA de centros educativos da comarca, así como a representantes da Escola de Música.
- Representantes de centros socioculturais de diferentes parroquias: Esteiro, Torea, Louro, Abelleira, Tal.
- Compañías teatrais que teñan desenvolvido un traballo importante no ámbito da adolescencia e a mocidade, tanto en espectáculos como con escolas municipais de teatro. Por exemplo a compañía de Carballo Galeatro, a compostelá con raíces na Costa da Morte Talía Teatro ou a compañía ferrolá Ghazafellos.
- Colectivos amadores de teatro e música. A Mostra de Teatro Xosé Agrelo de Muros é un bo exemplo de convivencia entre profesionais e afeccionados, teatro escolar e música ou asociacións como Teenses pola Igualdade.
- Festivais da contorna como o Festival de Carrilanas de Esteiro, Festival Castelo Rock, Titiriberia, etc.
- Persoas referentes no ámbito da LIX ou que dende a literatura e outras artes veñen traballando contidos co colectivo adolescente, como Rosalía Fernández Rial ou Fernando Castro Paredes. Tamén Asociacións como Alingua (de entidades locais), grupo de voluntariado xuvenil Turbina de Boiro, o programa Apego, Enreguéifate, etc.
A disposición escenográfica do público será relevante. Dun lado estarán sentados e sentadas, en semicírculo, doce persoas mozas de Muros, que conformarán esta simulación de Consello Municipal da Mocidade, coma se fose unha corporación ou órgano colexiado. En fronte, o público asistente, tanto o convidado como o público xeral que desexe asistir. Entre ambos, a presentadora, Carlota Mosquera, que dinamizará o encontro.
Ao remate, un grupo de xente moza da localidade realizará unha visita guiada ao Museo do Mar – Conserveira do Sel. Unha nova oportunidade para poñer no centro a participación, a escoita e a autoafirmación da xente moza no mapa cultural do concello.
(Apertura: luns 9/3 ás 12:00 h.; peche: mércores 25/3 ás 23:00 h.)
