Ciclo "As tolas que non o eran"
A Deputación da Coruña impulsa o ciclo "As tolas que non o eran" para recuperar a memoria das mulleres silenciadas polo sistema psiquiátrico
Con motivo do Día Internacional de Acción pola Saúde das Mulleres, que se conmemora o 28 de maio, a Deputación da Coruña pon en marcha o ciclo de charlas-obradoiro "As tolas que non o eran", unha iniciativa destinada a recuperar e visibilizar as historias das mulleres que foron internadas no Manicomio de Conxo entre finais do século XIX e comezos do XX.
Durante décadas, os hospitais psiquiátricos funcionaron como espazos de control social sobre aquelas mulleres consideradas "problemáticas" por non axustarse aos mandatos de xénero da época: solteiras, pobres, disidentes sexuais ou simplemente afastadas do modelo feminino hexemónico. A etiqueta de "tola", xa presente na sociedade decimonónica, serviu como ferramenta de opresión e anulación, unha lóxica que hoxe atopamos reproducida noutros espazos, como as redes sociais.
Neste contexto, e coincidindo coa actual relevancia pública da documentación sobre o Patronato de Protección de la Mujer, a área de Igualdade e Dereitos Civís da Deputación pon en marcha un ciclo para recuperar voces e arquivos esquecidos.
O programa inclúe seis charlas-obradoiro, impartidas pola investigadora Carmen Vidal Valiña, autora do ensaio "As tolas que non o eran. Mulleres no manicomio de Conxo 1885-1936" e especialista no estudo dos arquivos do centro.
As sesións desenvolveranse nos concellos de A Baña, Boiro, Coirós, Mañón, Padrón e Sobrado.
A actividade, aberta a público de todas as idades, abordará:
- Os perfís e vivencias das internas do Manicomio de Conxo.
- O uso da psiquiatría como mecanismo de control da disidencia feminina.
- A análise de documentos reais: cartas, historias clínicas e outros materiais procedentes do arquivo do centro.
- Un obradoiro final de escritura, no que as persoas participantes contribuirán a recuperar colectivamente a memoria destas mulleres inxustamente encerradas e invisibilizadas.
Un compromiso coa memoria e coa igualdade
Co ciclo "As tolas que non o eran", a Deputación da Coruña reafirma o seu compromiso coa memoria democrática, coa igualdade de xénero e coa necesidade de recoñecer as violencias históricas exercidas contra as mulleres, moitas veces ocultas baixo discursos médicos ou morais.

