Estás en:Igualdade e dereitos civís Igualdade de xénero Proxectos IV Encontro de Axentes de Igualdade

IV Encontro de Axentes de Igualdade

A Deputación da Coruña organiza o vindeiro mércores 13 de maio o IV Encontro de Axentes de Igualdade, unha cita que busca consolidarse como espazo de referencia para o encontro, a reflexión e o impulso das políticas públicas de igualdade no ámbito local.

O encontro desenvolverase en horario de 9:30 a 14:30 no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia, en Santiago de Compostela, e reunirá a persoal técnico de entidades locais implicado no deseño, desenvolvemento e avaliación de políticas de igualdade.

CARTAZ-RRSS.png

O camiño cara á Rede Provincial de Igualdade

Esta cuarta edición pon o foco no deseño dunha Rede Provincial de Concellos pola Igualdade e a Diversidade. O obxectivo é crear unha estrutura colaborativa que reforce a loita contra as violencias machistas e LGBTfóbicas desde o ámbito local, baseándose no diálogo técnico e a construción colectiva.

O encontro combina dinámicas participativas coa análise de modelos de éxito. O propósito é dobre:

  • Favorecer a aprendizaxe compartida entre profesionais.
  • Sentar as bases técnicas da futura rede provincial a través dun proceso de codeseño.


Contaremos coa participación de expertas que analizarán modelos de traballo en rede consolidados:

  • Berdinsarea (Euskadi): Modelo pioneiro de articulación intermunicipal en igualdade.
  • Rede de Municipios Libres de LGTBIfobia (Navarra): Foco na acción local fronte á discriminación por diversidade sexual.
  • De Faro a Faro (Comarca de Ortegal): Exemplo de cooperación local na posta en marcha de campañas de sensibilización.
  • Consorcio das Mariñas: A experiencia do traballo en rede aplicado aos servizos sociais.

Este intercambio de aprendizaxes facilitará a identificación de claves transferibles para fortalecer as políticas públicas de igualdade na Provincia da Coruña.

As inscricións están abertas a través do formulario i.gal/eai2026.

PROGRAMA--RRSS.png