Estás en:Igualdade e dereitos civís Igualdade de xénero Proxectos Xornada "Non deixemos que o futuro nos leve ao pasado"

Xornada "Non deixemos que o futuro nos leve ao pasado"

A Deputación da Coruña organiza o vindeiro 23 de abril no museo MUNCYT (A Coruña) unha xornada centrada nas novas violencias machistas dixitais, no marco da súa campaña "De Fronte", unha iniciativa orientada á prevención e loita contra a violencia de xénero.

Baixo o título "Non deixemos que o futuro nos leve ao pasado", a xornada propón unha reflexión colectiva arredor do auxe de fenómenos como a manosfera, os discursos de odio contra as mulleres, o conservadurismo relacional ou a manipulación a través da intelixencia artificial, dinámicas emerxentes que están a medrar no entorno dixital e que teñen xa un impacto directo na realidade social.

O programa desenvolverase ao longo de toda a xornada en formato de conferencias e conversatorios, combinando análise experta e diálogo aberto, co obxectivo de compartir coñecemento, experiencias e propostas de acción.

Entre as persoas relatoras participantes atópanse especialistas de referencia nos ámbitos da comunicación, a socioloxía, a enxeñaría e os estudos de xénero, como Ferran Lalueza, Asunción Bernárdez Rodal, Jorge García Marín, Iria Vázquez Silva, José Julio Fernández (USC), Laura Castro, Paloma Piot Pérez-Abadín, Teresa Piñeiro Otero, Elisa García Mingo, Priscila Retamozo, Nuria Alabao e Sara Vierna.

A xornada contará tamén con espazos de conversa con creadoras e creadores de contido dixital, como Antón (Tiktoker), Miguel García (Tiktoker), María Prado Rúa e Leti (Adochinto), así como coa participación do colectivo Aventeira, incorporando así distintas voces e perspectivas sobre o impacto das violencias dixitais.

Este encontro preséntase como unha oportunidade para analizar os retos actuais, crear rede e impulsar respostas colectivas fronte a un fenómeno complexo que require abordaxes diversas, críticas e comprometidas.

A Deputación da Coruña convida á cidadanía e ás persoas profesionais interesadas a participar nesta xornada, o aforo é limitado e é preciso solicitar praza a través de defronte.gal.

VF-XORNADA25N-RELATORAS_1080x1350 (2).jpg