Francisco Tettamancy
Francisco Tettamancy Gastón (A Coruña, 1854 – 1921) foi un destacado intelectual coruñés que, ademais de escritor, foi membro fundador da Real Academia Galega e traballador da Deputación Provincial da Coruña. Entre a súa produción literaria cabe salientar a obra dedicada ao levantamento de carácter galeguista e progresista do coronel Solís contra o entón presidente Ramón María Narváez e que rematou coa execución dos militares sublevados en Carral, e que historicamente se coñecen como os 'Mártires de Carral'. Entre esta produción poden mencionarse o poema 'Abril 1846' e os libros Los mártires de Carral e La revolución gallega de 1846.
Tras cumprirse 175 anos da revolta galeguista, a Deputación da Coruña programou unha serie de actividades encamiñadas a poñer en valor tanto a figura como a obra do intelectual coruñés. Neste sentido, desde as áreas provinciais de Normalización Lingüística e de Patrimonio, traballáronse unha serie de iniciativas dirixidas tanto a público xeral como ao contexto educativo:
- Vídeo sobre a vida, obra e contexto histórico de Francisco Tettamancy Gastón e unidade didáctica sobre a Revolta de 1846 e a súa importancia para a historia galega.
- Concurso de murais entre o alumnado de secundaria sobre a vida, obra e contexto histórico deste autor.
- Tradución á lingua galega da obra A revolución galega de 1846.

