Premio Transmitindo na Lingua Galega de Pódcast

A provincia da Coruña foi berce dos inicios da radio en Galicia a través da emisora decana do país, a EAJ-4 Unión Radio Galicia de Santiago de Compostela, que foi unha ferramenta esencial na campaña polo Estatuto de Autonomía e destacou polo uso do galego entre 1933 e 1936.
Máis de 100 anos despois da presenza primeira da nosa lingua nas ondas radiofónicas e parello ao auxe do fenómeno pódcast nos últimos anos, a área de Lingua da Deputación da Coruña convoca a I edición do Premio Transmitindo na Lingua Galega, que se concederá ás candidaturas que destaquen polo uso da lingua galega nas seguintes catro categorías:
- O teatro do aire: Obras orixinais de ficción sonora ou que estean baseadas en obras xa existentes ou adaptadas, e que usen voces, efectos sonoros, músicas, ambientes, sons etc.
- A palabra fiada: Entrevistas, conversas, debates ou diálogos que sexan a base conversacional do contido do pódcast, entre dúas ou máis persoas, sobre calquera temática.
- A pescuda sonora: Pódcasts divulgativos e creativos que pescuden un asunto concreto, unha persoa, problemática ou acontecemento social.
- A voz da nosa lingua: Pódcasts que contribúan ao estudo, divulgación, promoción e uso da lingua galega.
