Estás en:Novas

A Deputación da Coruña e a Fundación Paideia Galiza premian até con 60.000 euros a iniciativas cooperativistas no sector do marketing dixital

Mañá terá lugar a entrega de premios

A Deputación da Coruña e a Fundación Paideia Galiza premian até con 60.000 euros a iniciativas cooperativistas no sector do marketing dixital

Mañá venres 14 de xaneiro ás 12:00 horas celebrarase na sede da Fundación Paideia Galiza (Praza de María Pita 17, A Coruña) o acto de presentación de proxectos e entrega de premios do Concurso de Proxectos Cooperativistas no sector do Márketing Dixital, organizado pola Deputación da Coruña e a Fundación Paideia Galiza. Os equipos tralos proxectos presentados a concurso están formados por alumnas e alumnos da formación en "Márketing Dixital, Empregabilidade e Cooperativismo" que a Fundación EOI – Escuela de Organización Industrial (entidade dependente do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo) e a Fundación Paideia Galiza levaron a cabo nos últimos meses nas localidades de Boiro e As Pontes de García Rodríguez, co financiamento do Fondo Social Europeo. Agora, gracias ao apoio da Deputación da Coruña, estas iniciativas cooperativistas optan a un premio de até 60.000€ para financiar a súa posta en marcha e o seu primeiro ano de actividade.

O acto contará coa participación de José Ramón Rioboo, deputado provincial de Transición Ecolóxica, Emprego e Territorio Sostible; Nieves Olivera, directora xeral da EOI – Escuela de Organización Industrial; Goyo Panadero, director de Comunicación, Marca e Reputación de Ernst&Young; Antón Ínsua, secretario técnico de Coop57 Galiza; e Guillermo Vergara, vicepresidente da Fundación Paideia Galiza. O acto contará ademais coa actuación en directo do músico Marcelo Dobode, recoñecido polo seu labor na música tradicional galega, e participante no Coworking en Emprendemento Musical que o pasado ano organizaron Fundación Paideia Galiza e a Fundación EOI.

Esta é unha iniciativa conxunta da Fundación Paideia Galiza, a Deputación da Coruña e a Fundación EOI – Escuela de Organización Industrial, pola que se procura mellorar a empregabilidade da mocidade galega creando oportunidades a través de modelos de traballo cooperativo nun sector en continuo medre como o do Márketing Dixital. As iniciativas cooperativistas gañadoras contarán ademais co apoio, acompañamento e formación da Fundación Paideia Galiza, Fundación EOI e especialistas da firma internacional de consultoría Ernst&Young.