Xosé Regueira sobre o Xeoparque de Cabo Ortegal: “É unha aposta política que se transformou nun proxecto de país”
Baixo a epígrafe 'Cabo Ortegal. Unha viaxe ao centro da Terra', a Deputación promocionou a candidatura a Xeoparque de Cabo Ortegal en Fitur
O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, puxo en valor o compromiso e o apoio de diferentes administracións a unha iniciativa que comezou a impulsar desde o seu departamento no ano 2016
"Esta é unha aposta política que se transformou nun proxecto de país" asegurou esta mañá o vicepresidente da Deputación durante a presentación da candidatura oficial a Xeoparque de Cabo Ortegal en FITUR. Xosé Regueira explicou que o feito de que neste momento o proxecto sexa candidatura oficial para a certificación da UNESCO se conseguiu grazas a un impulso que partiu da área de Turismo da Deputación, no que leva traballando o seu departamento desde o ano 2016, e que acadou o compromiso e o apoio dos sete concellos que forman parte do proxecto –Ortigueira, Cariño, Moeche, San Sadurniño, Cerdido, Cedeira e Valdoviño-, e da administración autonómica, todos representados esta mañá na presentación en FITUR.
Na súa intervención, Xosé Regueira fixo fincapé en que Cabo Ortegal "é un territorio único no mundo, porque hai enclaves que ou vas a Ortegal ou non os vas atopar noutro lugar", e puxo como exemplos a única praia de area negra de orixe non volcánica –a de Teixidelo-, ou o santuario máis antigo de Galiza como é o de Santo André de Teixido. "Nun país de rutas xacobeas no que hai que ir a Compostela a gañar xubileus para gañar o ceo, non podemos esquecer que é obrigatorio pasar por Santo André de Teixido para gañar a gloria e, como di a tradición, mellor ir de vivo e aproveitar para gañar un xubileu xeolócio e para coñecer as paisaxes, a cultura e as súas xentes" concluíu, botando man do humor.
O acto estivo conducido pola actriz e presentadora Paula Vázquez, quen aproveitou para reivindicarse a si propia como embaixadora da comarca, nomeadamente de Pantín, e definiu Ortegal "como o paraíso en que nacen as nubes", referíndose Vixía Herbeira como o punto máis alto da Europa continental. Pola súa banda, o alcalde de Cariño e presidente da Asociación Xeoparque de Cabo Ortegal, José Miguel Alonso explicou, en nome de todos os alcaldes e alcaldesa, que "a propia candidatura xa nos está dando unha proxección a nivel internacional moi potente". Indicou que este proxecto sumado aos fondos europeos Next Generation que se destinarán a esta comarca "teñen por obxectivo fundamental que a xente poida desenvolver o seu proxecto vital en Ortegal".
Como referencia de empresa local participou María Mesías, técnica da consultora Goodlife, que participou na redacción técnica tanto dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino como no proxecto do Xeoparque. "O que queremos é que a nosa propia experiencia se estenda ao resto de empresas locais, porque o que se busca nestes proxectos é buscar a sustentabilidade e xerar oportunidades de empregabilidade, así como traballar propostas turísticas en segmentos específicos, como o científico, o cultural, o educativo, o de natureza ou o deportivo". No acto tamén participou o conselleiro de Turismo e vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda quen asegurou que conseguir un segundo xeoparque para Galiza "encaixa perfectamente nunha estratexia turística para situarnos no mundo, utilizando o Xacobeo como reclamo para difundir outras ofertas e toda a variedade do territorio".
Cabo Ortegal en primeira persoa
Un lugar para vivir, para ser visitado e mesmo para investir, son as definicións deste territorio que máis abundan nas catro pezas audiovisuais que acompañaron as intervencións en directo en FITUR. Os vídeos, protagonizados por diferentes representantes do mundo empresarial, deportivo e cultural dos sete concellos, ofreceron unha visión do territorio na voz das persoas que viven e traballan nel.
Paisaxe e recursos naturais son os principais atractivos que máis se repiten, así como o desexo de futuro de que a comarca de Ortegal teña un desenvolvemento económico ligado a eses valores naturais. Neste contexto, que se respecte o medio, que se preserve a riqueza natural e que non se converta nun destino masificado son ideas presentes de diferente xeito nos catro vídeos.
As pezas están protagonizadas por Manuel Vierna, do centro ecuestre Granxa do Souto de Ortigueira; por Boris Rodríguez, xogador do equipo de voleibol Aldebarán de San Sadurniño; por Miguel Mato, da plantación de arandos Horticina; por Roberto Tojeiro, presidente de Gadisa desde Moeche; por Isabel Loureiro, gandeira de Cedeira; por Ana Docanto, de conservas La Pureza de Cariño; e por Pablo Jaime Díaz, coreógrafo e director da compañía Nova Galega de Danza de Valdoviño. Todas as persoas participantes aparecen acompañadas polos alcaldes e alcaldesa dos sete concellos e polo vicepresidente da Deputación.
Os vídeos proxectados serán difundidos a través das contas de redes sociais da área de Turismo da Deputación da Coruña e tamén das do proxecto Xeoparque Cabo Ortegal.