Estás en:Novas

A Deputación renova a súa colaboración co Fogar Español de Montevideo

Destinará 60.000 euros para colaborar coa entidade benéfica uruguaia, que acolle a máis dun centenar de galegos en situación de desamparo

A Deputación renova a súa colaboración co Fogar Español de Montevideo

FOTO (ARQUIVO). Visita do presidente da Deputación ao Fogar Español de Montevideo en 2018

A Deputación da Coruña renova a súa colaboración co Fogar Español de Montevideo (Uruguai), unha entidade benéfica sen ánimo de lucro que leva case 60 anos acollendo a persoas maiores de orixe española (a maior parte galegos) en situación de desamparo ou sen recursos económicos e familiares para ter unha vellez digna.

O pleno provincial aprobou hoxe por unanimidade un convenio polo que a Deputación achegará 60.000 euros para apoiar á entidade nos gastos de funcionamento anuais, financiamento das terapias e actividades que ofrece o centro e a adquisición de material destinado aos residentes.

O convenio da continuidade á longa traxectoria de colaboración que une a ambas entidades. Desde a institución provincial coruñesa, véñense destinando ao longo dos anos importantes recursos económicos ao Fogar Español de Montevideo, tanto para contribuír aos gastos de funcionamento anuais coma para a creación do centro de día, a adquisición de camas, vehículos e outros equipamentos.

Gran parte das persoas usuarias do Fogar superan os 90 anos, polo que a maioría do seu orzamento destínase a gastos médicos e aos salarios do persoal que atende o centro as 24 horas do día. Entre as axudas que recibe o Fogar Español, destacan as da administración pública de Uruguai e as que reciben desde Galicia, xa que a maioría dos usuarios e usuarias son de orixe galega, sendo a colaboración da Deputación da Coruña a máis importante das entidades locais galegas.

O presidente da Deputación destacou o gran labor que realiza o Fogar Español de Montevídeo, que definiu como "unha institución de referencia na diáspora galega en Sudamérica".