Estás en:Novas

A Deputación convoca 45 bolsas de 3.500 euros para deportistas da provincia da Coruña

"Queremos colaborar coas nosas e os nosos deportistas para que poidan desenvolver todo o seu potencial, ter acceso á mellor preparación e competir ao máis alto nivel", afirma a deputada de Deportes, Cristina Capelán

As bases da convocatoria publícanse no BOP de hoxe. O prazo de presentación de solicitudes determinarase tras a publicación na Base Nacional de Subvencións

A Deputación convoca 45 bolsas de 3.500 euros para deportistas da provincia da Coruña

FOTO: Reunión cos bolseiros de Deportes da Deputación en 2021

A Deputación da Coruña, no seu labor de promoción, difusión e apoio ao deporte coruñés, convoca este ano 45 bolsas deportivas de 3.500 euros cada unha destinadas a deportistas da provincia que destaquen en competicións federadas a nivel rexional, nacional e internacional.

A deputada de Deportes, Cristina Capelán, informou que neste 2022 a institución presidida por Valentín González Formoso dedica 157.500 euros á liña de subvencións. Capelán sinalou "as dificultades que se atopan moitos e moitas deportistas con talento para progresar naqueles deportes que teñan un carácter individual" e indicou que "este programa pretende ser unha axuda para que mozos e mozas sigan colleitando éxitos para o deporte coruñés en todas as disciplinas", apuntou.

Á súa vez, subliñou que "ademais de premiar o esforzo dos nosos deportistas, queremos colaborar con elas e eles para que poidan desenvolver todo o seu potencial, ter acceso á mellor preparación e competir ao máis alto nivel".

Dirixidas a deportes que pertenzan a unha das disciplinas olímpicas

As persoas solicitantes deberán practicar un deporte que pertenza a unha das disciplinas incluídas no programa oficial dos próximos Xogos Olímpicos de París que teña carácter individual. Ademais, as e os candidatos terán que acreditar o seu historial deportivo durante o ano 2021, no que constarán as participacións e os resultados máis importantes obtidos en campionato oficial ou recoñecido pola federación deportiva correspondente. Tamén se valorará o grao de interese do proxecto presentado, a proxección de futuro do deportista e a súa progresión ao longo dos últimos anos.

Poderán solicitar as bolsas atletas de 12 a 30 anos

As bolsas divídense en tres categorías, en función da idade das persoas solicitantes:

Grupo A: 15 bolsas para deportistas de 12 a 17 anos
Grupo B: 15 bolsas para deportistas de 18 a 23 anos
Grupo C: 15 bolsas para deportistas de 24 a 30 anos.

O BOP de hoxe mércores publica as bases das bolsas de 2022. O prazo de presentación de solicitudes determinarase nos vindeiros días, tras a súa publicación na Base Nacional de Subvencións, e estas deberán realizarse de forma telemática a través da plataforma Subtel da Deputación.

Acceso á convocatoria publicada no BOP:
https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2022/02/02/2022_0000000488.pdf