Xosé Regueira avoga por mellorar a conectividade co eixe Porto-Lisboa para ampliar as posibilidades turísticas
O vicepresidente da Deputación participou esta mañá no encontro con representantes de Organizadores Profesionais de Congresos no marco dun FamTrip organizado por A Coruña Convention Bureau
"Mellorar a conectividade co eixe Porto-Lisboa permitiría abrir un abano enorme de posibilidades turísticas e de negocio" afirmou esta mañá o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, no encontro con representantes de Organizadores Profesionais de Congresos que están visitando a cidade da Coruña no marco dun FamTrip organizado por A Coruña Convention Bureau.
No encontro, que tivo lugar en Palexco, a conectividade da cidade foi un dos grandes focos de atención e, neste sentido, Xosé Regueira salientou a súa situación xeográfica en relación a outros lugares de destacado interese da provincia. Así, citou que a cidade está "a 40 minutos de Ferrol, que neste momento opta a ser Patrimonio da Humanidade, ou a 50 minutos de Compostela que, ademais de ser Patrimonio da Humanidade, é unha das cidades máis visitadas do país". Tamén indicou que "estamos dentro da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e ao lado da comarca de Cabo Ortegal que opta neste momento ao selo de Xeoparque da UNESCO, polo que estamos nunha área de grandes valores naturais, históricos e culturais".
Xosé Regueira participou nunha rolda de intervencións que estivo encabezada polo presidente de A Coruña Convention Bureau, José Blanco, e na que tamén interviron o delegado territorial de Iberia, Juan Carlos Molina, o xerente do Consorcio de Turismo, Moisés Jorge Naranjo, e a coach de directivos e mentora de emprendedores, Isabel Abelleira. Por último, o vicepresidente tamén salientou como un dos atractivos da Coruña como destino turístico a alta calidade tanto do produto agroalimentario como dos e das profesionais da gastronomía actuais, nomeadamente da Asociación Coruña Cociña, así como as vantaxes derivadas de contar cun clima de temperaturas suaves durante todo o ano.
No encontro, participaron operadores procedentes de todo o Estado así como representantes do sector hoteleiro da cidade e representantes sectoriais como a Cámara de Comercio, a Confederación de Empresarios ou a Autoridade Portuaria.