A área de Igualdade da Deputación convocará o concurso de viñetas de 2022 sobre o efecto Matilda
Este concurso, que chega a súa décima terceira edición, está dirixido a rapazas e rapaces de entre 12 e 18 anos
Desde o ano 2016, todos os 11 de febreiro conmemórase o 'Día da muller e da nena na ciencia', co obxectivo de reivindicar que existe un nesgo de xénero tanto cando se elixe o que queremos estudar como no ámbito profesional. Neste eido, a Deputación da Coruña vén realizando unha serie de actividades, como as xornadas 'A luz da ciencia' que tiveron lugar en xaneiro, que propiciaron unha serie de encontros científicos sobre perspectiva de xénero e ciencia nas aulas, realidade laboral e teito de cristal, e o enfoque na comunicación científica.
Naquel foro puxérase de manifesto a existencia dun claro nesgo de xénero, a persistencia dun gran número de estereotipos que alonxan as mulleres de determinados estudos técnicos e científicos, e que para intentar eliminalos ten que implicarse toda a sociedade en políticas de Igualdade: as familias, os centros de ensino, os medios de comunicación, as administracións, etc. Segundo datos publicados pola Comisión Europea nun informe denominado 'She Figures 2021', só o 30% das persoas que traballan en ciencia no mundo son mulleres. As mulleres só representa a cuarta parte das persoas con títulos de doutorandos no ámbito das TIC (un 22%) e só un 24% das cátedras nas universidades españolas están ocupadas por mulleres.
En canto aos ámbitos que teñen que ver coa tecnoloxía ou as ciencias exactas, a representación feminina é menor. Por unha banda, aínda se perpetúa o preconcepto de que as mulleres son menos capaces para as matemáticas ou a física e, por outra, dáse o chamado efecto Matilda: as mulleres que traballan nestas áreas non só son menos, senón tamén menos visibles e moitas veces os seus logros son atribuídos a colegas masculinos ou non se lles recoñecen.
Estudos tamén recentes demostran que as nenas, desde moi novas, teñen a percepción de ser menos capaces para as carreiras científicas, decláranse inseguras e con maior medo de non poder cumprir expectativas e todo iso a pesares de ter moi bos resultados académicos. Outro dos graves problemas que existen é o coñecido como efecto tesoira, isto é, naquelas áreas onde as mulleres son maioría, a medida que se avanza na carreira investigadora, a proporción de xénero tende a inverterse.
Atendendo a esta situación, a área de Igualdade da Deputación da Coruña porá en marcha diversas iniciativas desde o ámbito educativo. A primeira delas será a convocatoria no mes de marzo do concurso de viñetas cunha temática moi concreta e que require un traballo nos centros de ensino: o efecto Matilda.
Os traballos presentados poderán versar sobre:
• A visibilización do efecto Matilda nas carreiras científicas das mulleres, podendo analizar os prexuízos e as realidades laborais, salariais, teitos de cristal, falta de recoñecemento e fendas das mulleres e as súas carreiras científicas, investigadoras, divulgativas, innovación, etc.
• Recoñecemento de carreiras científicas de mulleres ao longo da historia e ata a actualidade, onde se ilustre sobre o seu traballo de investigación ou carreira, logros e metas na procura de referentes nas STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas)