Capelán destaca no Día da Epilepsia a importancia de impulsar a investigación e de sensibilizar sobre esta doenza
A deputada provincial participou hoxe na lectura do manifesto celebrada diante do Obelisco, na Coruña
Concienciar, sensibilizar e educar as persoas sobre esta patoloxía son algúns dos obxectivos desta xornada.
A deputada provincial Cristina Capelán participou hoxe na lectura do manifesto polo Día Internacional da Epilepsia, que se celebra cada segundo luns de febreiro. A xornada busca concienciar, sensibilizar e educar as persoas sobre esta patoloxía, así como contribuír a mellorar a calidade de vida das que a padecen.
"Hoxe conmemoramos unha xornada fundamental para comprender, obter información e dar visibilidade a esta doenza co fin de erradicar os prexuízos que tanto dano fan ás persoas que a padecen e que poden dificultar o seu normal desenvolvemento no día a día", sinalou Capelán durante o encontro celebrado esta mañá diante do Obelisco da Coruña con motivo da xornada.
Segundo datos da Asociación Coruñesa de Epilepsia, 50 millóns de persoas no mundo teñen esta doenza, estando o 70% dos casos controlados mediante fármacos. En España detéctanse cada ano 20.000 novos casos.
Capelán manifestou o "apoio ás persoas que padecen epilepsia" e tamén incidiu na"necesidade de seguir impulsando a investigación desta enfermidade para garantir un mellor diagnóstico e tratamento, esencial para protexer a calidade de vida das persoas que a teñen". A deputada destacou que institucións como a Deputación "deben colaborar coas entidades e organizacións que levan a cabo cada día un traballo chave no coidado e apoio as persoas que o necesitan".