A Deputación licita por 301.945 euros unha nova mellora da seguridade viaria na estrada de Tablilla a Agro do Mestre por Pontepedra, en Tordoia
As obras que se han realizar na DP 8401 permitirán acondicionar e renovar o firme ao longo de case 2,5 quilómetros, a instalación de nova sinalización e o acondicionamento da recollida de pluviais na zona
José Manuel Pequeño destacou que esta actuación súmase a outras enmarcadas no plan de Vías e Obras co que a Deputación pretende incrementar a seguridade viaria e peonil ao longo dos máis de 2.100 km da rede provincial de estradas
A Deputación da Coruña licita por importe de 301.945 euros as obras de mellora da seguridade viaria na estrada provincial DP-8401 de Tablilla a Agro do Mestre por Pontepedra, en Tordoia. As empresas interesadas poderán presentar ofertas ata o 14 de marzo.
Os traballos desenvolveranse entre os puntos quilométricos 3,1 e 5,5, dando continuidade ás melloras xa efectuadas pola Deputación nos primeiros tres quilómetros do vial. As obras acondicionarán e renovarán o firme ao longo de case dous quilómetros e medio, axudando a incrementar a seguridade de vehículos e peóns na zona, principal núcleo urbano de Tordoia,coa renovación do firme a través do fresado e reposición nas zonas deterioradas e extensión, na zona de travesía, dunha capa de mestura bituminosa en quente de catro centímetros de espesor.
O tramo no que se actuará tamén será dotado dunha barreira de seguridade metálica tipo bionda para garantir unha maior seguridade para o tráfico rodado e peonil e a posta a terra de terminais de bionda existentes. Así mesmo, proxéctase nova sinalización horizontal mediante pintura viaria branca, tanto no eixo, coma en beiravías e símbolos.
O deputado e Vías e Obras, José Manuel Pequeño, destacou que esta actuación súmase a outras enmarcadas no plan de Vías e Obras co que a Deputación pretende seguir mellorando a seguridade ao longo dos máis de 2.100 quilómetros de rede provincial de estradas.
Ademais, nas obras levarase a cabo a apertura de cunetas por ambas as dúas marxes e limpeza de paseos e posta a cota de tapas de rexistro e sumidoiros. O prazo de execución das obras sinaladas será duns cinco meses contados desde a data de firma da acta de comprobación do replanteo.