A Deputación licita por preto de 400.000 euros as obras de mellora da seguridade do cruce de Landoi, en Cariño
O proxecto inclúe a modificación do trazado da estrada de Landoi para aumentar a visibilidade na intersección
Na DP 6121 de Mera a Cariño crearase un carril central de espera e desdobrarase o esquerdo para facilitar as incorporacións
A actuación permitirá tamén crear unha área de descanso con vistas á ría e habilitará unha zona de xiro para realizar cambios de sentido na estrada de Mera a Cariño
A Deputación da Coruña vén de publicar no perfil de contratante a licitación do proxecto de mellora da seguridade na intersección das estradas provinciais DP- 6121 e DP-6119, que dá acceso a Landoi, no Concello de Cariño.
Esta actuación, na que a Deputación inviste 392,811,01 euros e para a que xa rematou o proceso de expropiación dos terreos afectados, pretende eliminar un punto perigoso da rede provincial de estradas e mellorar a seguridade viaria no citado cruce, que dá acceso á parroquia de Landoi desde a estrada de Mera a Cariño, unha zona na que actualmente existe unha escasa visibilidade.
No ano 2021 Valentín González Formoso fixo unha visita á zona xunto ao alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar, que trasladou ao presidente e ao equipo de Vías e Obras da Deputación a necesidade urxente de actuar na zona debido ao perigo de accidentes que supón.
Para eliminar estre problema, as obras incluirán, por unha banda, a modificación do trazado da estrada de Landoi (DP-6119) para aumentar o radio de xiro da manobra de incorporación á vía de Mera a Cariño gañando así visibilidade e, pola outra, a creación na vía de Mera a Cariño (DP-6121) dun carril central de espera e o desdobramento do esquerdo para facilitar as incorporacións a Landoi. Ao mesmo tempo esta actuación permitirá crear neste punto unha área de descanso con vistas á ría e habilitará unha zona de xiro para que os vehículos que circulan pola estrada xeral poidan realizar cambios de sentido.
O prazo para presentar ofertas remata o 14 de marzo.