Por fin se desenvolverán os tan ansiados concursos de xefaturas e de traslados
A Corporación acepta a proposta de CCOO de establecer un proceso para que os funcionarios de carreira poidan acceder en comisión de servizo aos postos que estean libres antes de ofertarse nas listas de interinidades
Hoxe, luns dous de setembro de 2019, inaugurouse o curso político-sindical na Deputación, constituíndose a Mesa Xeral de Negociación para o mandato 2019-2023.
A mesa de negociación aproba os cambios na RPT para que o persoal que promocionou poida tomar posesión. Unha nova moi esperada por o devandito persoal que, por mor das eleccións, leva meses esperando para tomar posesión no seu novo posto logo de ter superado o proceso de promoción interna. A dita RPT será levada ao pleno de finais de setembro para a súa aprobación inicial, polo que calculamos que a primeiros de novembro o persoal poida xa ter tomado posesión, debido a que a RPT debe pasar o proceso de alegacións para a súa aprobación definitiva.
Por fin se desenvolverán os tan ansiados concursos de xefaturas e de traslados. En CCOO levamos dende xuño pulando pola consecución deste fito histórico na Deputación, xa que se trata dunha das propostas máis demandadas das incluídas no noso programa electoral, asemade trátase dunha actuación que non supón custe económico. CCOO traballou por acadar unha actuación que permitise conxugar o dereito á mobilidade do persoal funcionario de carreira, co mantemento do emprego do persoal interino, un dos eixos centrais da nosa labor sindical no presente mandato. Nesta mesa de negociación aprobáronse os criterios xerais para os concursos, paso previo e necesario para o seu desenvolvemento nos vindeiros meses en orde decrecente: o artigo 22 establece tres fases; "Primeiro: os postos cuxa provisión sexa polo procedemento de libre designación. Segundo: os postos cuxa provisión sexa por concurso específico. Terceiro: os postos de Xefatura cuxa provisión sexa por concurso ordinario". Finalmente, tal e como establece o dito artigo 22, "os postos base antes da toma de posesión dos que teñan superado as probas selectivas para o ingreso na función pública. O concurso de traslados estará baseado primordialmente na valoración da antigüidade e razóns de conciliación da vida persoal, familiar e laboral".
A Corporación acepta a proposta de CCOO de establecer un proceso para que os funcionarios de carreira poidan acceder en comisión de servizo aos postos que estean libres antes de ofertarse nas listas de interinidades. Tratase doutra das propostas máis demandadas que levabamos no noso programa electoral, esta medida pretende axilizar a mobilidade do persoal funcionario de carreira durante o período que transcorre entre concursos de traslados (por exemplo agora, xa que o concurso de traslados non se desenvolverá ate que previamente haxa postos aos que se acceda mediante oposición). Deste xeito o persoal funcionario de carreira poderá optar con prioridade aos postos que vaian quedando vacantes, con ou sen reserva, mediante chamamentos particulares que fará a Corporación a través da Intranet e se anunciarán mediante correo electrónico. Poderase apuntar todo o persoal funcionario de carreira que poida optar ao posto ofertado, sendo a baremación en base a antigüidade e en caso de empate por motivos de conciliación de vida familiar e laboral. Con esta actuación, remata a situación pouco razoable, de que o persoal funcionario de carreira vexa como persoal interino que acaba de entrar ocupa un posto máis desexable.