A Deputación completa as obras de mellora da seguridade viaria en Tufións (Vimianzo)
Valentín González Formoso e Mónica Rodríguez supervisaron o final das obras, que permitiron construír novas sendas peonís, ampliar a plataforma da estrada e renovar servizos como o alumeado
"Detrás desta aposta da Deputación hai unha clara vocación por mellorar as posibilidades do ámbito rural e de igualar as condicións co ámbito urbano. Esa é a nosa obriga", afirmou o presidente
O presidente e a alcaldesa visitaron tamén o centro sociocultural, que renova a súa imaxe exterior, aposta pola eficiencia enerxética e crea unha nova aula interior cun investimento de 153.000 euros do Plan Único
"O Plan Único permitiu a realización de 502 obras nos municipios de Bergantiños e Costa da Morte para mellorar a calidade de vida da veciñanza", explicou
A Deputación da Coruña vén de rematar as obras de mellora da seguridade viaria en Tufións (Vimianzo) que supuxeron un investimento de 493.846,69 euros para atender "unha antiga demanda tanto da veciñanza de Tufións como do goberno municipal de Mónica Martínez", explicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que hoxe visitou o municipio acompañado da alcaldesa.
"Coa culminación desta obra cumprimos o compromiso adquirido", explicou González Formoso, que sinalou que "a veciñanza de Tufións por fin pode pasear e circular con seguridade nesta vía"
As obras supuxeron a ampliación da plataforma da estrada DP-1603 para a construción de novas sendas peonís nas marxes e a posterior renovación do firme da vía mediante aglomerado. Ademais, tamén se dotou a zona dunha nova iluminación, así como da canalización de pluviais.
"Detrás desta aposta da Deputación, que ten que manter máis de 2.100 quilómetros de estradas en toda a provincia, hai unha clara vocación por mellorar as posibilidades do ámbito rural e de igualar as condicións co ámbito urbano, que creo que é a nosa obriga. Estamos totalmente convencidos de que o investimento no mundo rural é devolverlle todo o que nos leva dando durante moitas xeracións", subliñou.
Pola súa parte, a alcaldesa Mónica Rodríguez, agradeceu o "compromiso do presidente da Deputación" que xunto coa "cesión voluntaria e a boa vontade dos veciños e veciñas da zona" permitiu crear "unha senda para poder camiñar con seguridade e a pavimentación do firme, que tamén era moi necesaria".
Valentín González Formoso anunciou ademais que a Deputación acometerá un novo investimento de 178.063 euros para renovar a capa de rodaxe entre os puntos quilométricos 1+315 e 2+865 (desde Porto de Cereixo a Tufións), completando así as melloras desta estrada provincial. As obras, explicou o presidente, están xa en fase de licitación pública.
502 obras do Plan Único na comarca
Durante a visita, Valentín González Formoso e Mónica Martínez visitaron tamén o centro de usos múltiples de Vimianzo, que experimentou unha importante reforma cun investimento de 153.147,92 euros do Plan Único.
Segundo explicou a alcaldesa, os traballos permitiron "renovar completamente a imaxe exterior do inmoble que está na entrada de Vimianzo e que presentaba un estado de abandono importante". As obras permitiron renovar os soportais de madeira da entrada e a carpintería exterior, o pintado das fachadas, a mellora da accesibilidade do inmoble con novas ramplas de acceso e mellora da eficiencia enerxética do edificio, así como o acondicionamento dun vello almacén que agora serve como aula para que os máis pequenos poidan asistir a actividades extraescolares de pintura.
Valentín González Formoso destacou a obra como "un claro exemplo da utilidade do Plan Único para mellorar as infraestruturas e servizos municipais" e felicitouse de que "ademais da notable mellora estética do edificio por dentro e por fóra" as obras sirvan "para darlle máis vida ao centro con esa nova aula para actividades infantís".
O presidente subliñou a importancia do Plan Único, que en cinco anos supuxo para os concellos das comarcas de Bergantiños e Costa da Morte "investimentos por 80 millóns de euros e 502 obras coma esta, que melloran as infraestruturas municipais e calidade de vida do veciños".
Formoso destacou ademais "a aposta pola transparencia e autonomía municipal" do Plan, que distribúe os fondos con criterios de reparto obxectivos e permite que sexan os propios concellos os que decidan as súas prioridades á hora de investir os fondos que lle achega a Deputación.