O Plan Único da Deputación inviste 185.066 euros para mellorar o saneamento da parroquia de Abelleira e do parque empresarial de Muros
As intervencións permitirán construír unha rede separativa de augas residuais no lugar de Bornalle, así como proxectar unha rede de recollida de pluviais
Tamén se conectará a rede de saneamento de augas residuais do parque empresarial do concello á rede municipal
O Plan Único da Deputación da Coruña inviste185.066 euros na mellora da rede de saneamento da parroquia de Abelleira e do parque empresarial do concello de Muros.
A través destes proxectos, o ente provincial dará apoio e cofinanciará unhas tarefas moi necesarias para ofrecer un servizo de xestión de augas pluviais e residuais máis eficiente e menos contaminante no municipio de Muros.
Así pois, as intervencións permitirán realizar unha rede separativa de augas residuais no lugar de Bornalle, na parroquia de Abelleira, así como proxectar unha de recollida de augas pluviais na estrada AC-550. Esta medida conta cun investimento de 111.470 euros, dos que 108.565, o 97%, serán subministrados polo ente provincial e o restante polo Concello.
En canto á rede de augas fecais, instalarase un colector soterrado cunha lonxitude de 236 metros que prestará servizo a un total de vinte e cinco vivendas. No caso das augas pluviais, construiranse colectores de PVC e conectaranse os sumidoiros da zona aos pozos de rexistro.
Para levar a cabo as tarefas será preciso demoler a pavimentación para dispoñer as tubaxes de saneamento, pozos de rexistro e sumidoiros. Unha vez finalicen as tarefas, que contan cun prazo de execución de seis meses, repoñerase o firme afectado. As tarefas están en fase de licitación e as empresas interesadas poderán presentar as súas propostas ata o vindeiro día 7 de marzo.
O Plan Único financia con 73.596 euros a mellora de infraestruturas no parque empresarial
A Deputación dedica ademais 73.596 euros para conectar a rede de saneamento de augas fecais do parque empresarial de Muros á rede municipal. Desta cifra, un total de 64.028 euros, o 87%, será achegado pola Deputación e restante polo Concello. Na actualidade, estas augas non se están a depurar, producíndose verteduras ao medio natural. Co fin de solucionar estar problemática, construirase un colector de saneamento que conecte as augas procedentes do parque coa rede do concello.
Así pois, proxéctase un colector PVC na conexión das estradas AC-400 e AC-550, xa que o actual non conta coa capacidade suficiente e obrigaría a levar os caudais procedentes do parque a un bombeo. O colector novo terá unha lonxitude de 165 metros e contará con 11 pozos de rexistro. Esta infraestrutura instalarase baixo a beirarrúa actual da estrada AC-550, zona na que tamén se reporá un pequeno tramo de colector de pluviais.
As tarefas incluirán a reposición do firme afectado e a retirada e posterior colocación dunha varanda metálica, un quiosco e catro sinais de tráfico. O proxecto terá un prazo de execución de seis meses e as empresas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 7 de marzo.