Estás en:Novas
CCOO acorda coa Corporación avanzar na conciliación da vida persoal, familiar e laboral, aplicando durante o Nadal o horario de verán

CCOO consigue que o horario de verán se estableza tamén durante o Nadal

As melloras para os traballadores e traballadoras non se acadan dende o inmobilismo, o "no" permanente ou o victimismo, senón que requiren moito talante, moita negociación, moita empatía e, sobre todo, saber ceder.

CCOO consigue que o horario de verán se estableza tamén durante o Nadal

Un novo avance nas condicións laborais do persoal da Deputación acabase de producir grazas a unha actuación de CCOO. E xa son moitos os acadados nos últimos anos porque a diferenza doutros somos quen de procurar a fiestra de oportunidade que habilite converter demandas en feitos tanxibles para o persoal.

As melloras para os traballadores e traballadoras non se acadan dende o inmobilismo, o "no" permanente ou o victimismo, senón que requiren moito talante, moita negociación, moita empatía e, sobre todo, saber ceder. Esta é a nosa fórmula para ir acadando, paso a paso, melloras para o persoal. É certo que algúns pasos non son todo o grandes que nos gustaría, pero non por iso deixamos de avanzar. Porque o camiño se fai ao andar, non berrando ou queixándose. Pedir é moi doado, calquera o pode facer, máis conseguir require de esforzo, habilidade para encontrar oportunidades e determinación para facelas reais.

CCOO acorda coa Corporación avanzar na conciliación da vida persoal, familiar e laboral, aplicando durante o Nadal o horario de verán. Así, durante o período de vacacións escolares do Nadal, que para este ano 2017 van do 22 de decembro ata o sete de xaneiro ambos inclusive, reducirase a xornada nunha hora diaria. Esta moi boa nova xurde tras a aceptación da Corporación da solicitude rexistrada por CCOO e se enmarca como un efecto colateral da negociación realizada para aplicar a regulación interna dos horarios de traballo da que xa vos temos informado.

Moitos foron os avances en materia de conciliación acadados nesta lexislatura grazas ao traballo de CCOO e a boa vontade da Corporación como a recuperación do A44 ou da xornada de verán ata o 30 de setembro, aos que agora hai que engadir a redución da xornada obrigatoria ata as 14:00, a ampliación do horario flexible dende as 7:00 e a anunciada aplicación da xornada de verano no Nadal, así como abrir a posibilidade de dispoñer de flexibilidade horaria nos centros onde non existía. Neste sentido abraia observar como aqueles que acaban de comezar fai dúas primaveras na acción sindical, obvian e incluso defenestran o traballo realizado anteriormente, arróganse incluso demandas polas que todas as forzas sindicais levamos anos pulando. Non se debe esquecer que o sistema de flexibilidade horaria leva unha década en funcionamento. Mais en todo caso, de demandar unha actuación ata conseguila hai un longo camiño, tanto como da nada ao todo.

A continuación facemos un pequeno relatorio do acontecido en canto a horarios e conciliación, remontándonos aos últimos días do anterior Goberno popular, que en abril de 2015 atacou os dereitos de conciliación do persoal. Grazas a presión dos traballadores e traballadoras organizados a través de CCOO (asembleas e recollida de sinaturas incluídas) e as conversas que mantivemos co presidente por aquel entonces da Deputación, a Corporación retirou a algúns dos recortes en canto a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

Posteriormente, xa co actual Goberno Provincial, o 11 de setembro de 2015 o Consello de Ministros aprobou o Real Decreto Lei 10/2015. O 16 de setembro CCOO rexistrou unha solicitude para a inmediata aplicación do dito RD. que consistía na devolución do 26,23% da paga extra do 2012, a recuperación do sexto moscoso e do canoso, así como os días adicionais de vacacións, actuando a Corporación inmediatamente, sendo unha das Administracións que máis rápido repuxo os ditos dereitos recortados con anterioridade polo Goberno central.

O 2 de marzo de 2016 CCOO rexistrou unha solicitude para incluír un punto na orde do día na seguinte mesa de negociación para modificar o listado de incidencias de e-tempo, para recuperar as condicións laborais pendentes antes do recorte do PP en canto as incidencias: saída momentánea, xestión interna, imprevistos e incluso mellorar aspectos doutras incidencias como deber inescusable, pausa café ou exames. Como consecuencia colateral doutra acción negociadora promovida por CCOO, a Corporación accedeu á incorporar o dito punto e aprobalo na mesa de negociación celebrada o 9 de marzo de 2016, que obviamente tivo o apoio de todas as centrais sindicais, pois levábavosmos tempo demandándoo. Unha vez máis foi CCOO quen atopou a fiestra de oportunidade e a panca negociadora que impulsou este importante avance.

Na mesa de negociación do 1 de xullo de 2016 a Corporación recupera o horario de verán ata o 30 de setembro que tiña recortado o anterior goberno do PP. Como consecuencia dun proceso negociador sobre outros aspectos, CCOO esixiu un xesto por parte do Goberno provincial, propoñendo recuperar o anterior horario de verán, como xa tiñamos demandado anteriormente todas as centrais sindicais, ao que do Deputado de Persoal accedeu.

Outra vez máis, acertamos en acadar un oco da oportunidade para converter en realidade unha demanda que viña de lonxe. Semella que o concepto de oportunidade non o teñen asimilado todas as centrais sindicais, por exemplo UGT afirmou na mesa de negociación, a pregunta do Deputado de persoal, que non apoiaría propostas de horarios aínda que foran beneficiosas para o persoal ata que se reduza a xornada a 35 horas semanais, e dicir que se autoexclúe da posibilidade de acadar melloras nas condicións de conciliación do persoal, porque e moi difícil que a Corporación neste contexto legal tome esa decisión. UGT xustifica a súa postura indicando que hai varias comunidades que teñen acordos para aplicar xornadas de 35 h. pero hai que ter en conta que as entidades locais non teñen capacidade lexislativa e, asemade, en canto á xornada réxense pola normativa estatal. Por outra banda, o Tribunal Constitucional acaba de anular a xornada de 35 h. na Junta de Andalucía. Por suposto que CCOO defende a xornada de 35 h. pero como queira que é algo que se ten que negociar a nivel estatal, non procede mesturalo na negociación da regulación horaria da Deputación. Asemade nunca renunciaremos a mellorar as condicións de traballo do persoal, porque é o noso principio reitor.