A Deputación convoca o premio Otero Pedrayo 2022, dotado con 16.000 euros
O galardón ten por obxecto premiar un labor que constitúa unha contribución eminente á cultura galega e promover os valores propios de Galiza e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións
A Deputación da Coruña abriu a convocatoria do Premio Otero Pedrayo 2022, un galardón ten por obxecto perpetuar e honrar a memoria do egrexio galeguista ourensán, premiar un labor que constitúa unha contribución eminente á cultura galega e promover os valores propios de Galicia e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións.
A dotación é de 16.000 euros, contía que achegan conxuntamente as catro deputacións provinciais galegas e a Xunta de Galicia. O prazo de presentación de candidaturas rematará o vindeiro 4 de maio.
Poderán optar ao premio as persoas nacidas ou residentes en Galicia, os grupos de traballo radicados na comunidade ou constituídos para promover a cultura galega, e as personalidades ou institucións que se caractericen pola difusión e polo mantemento da cultura galega.
Convén lembrar que o Premio Otero Pedrayo é convocado cada ano por unha das catro deputacións, correspondéndolle a convocatoria do ano 2022 á Deputación da Coruña. Na lista de persoas gañadoras cóntanse grandes nomes da cultura galega como as dúas gañadoras da pasada edición, Menchu Lamas e Rosario Álvarez, ou as gañadoras da anterior convocatoria que lle correspondera á Deputación da Coruña -no ano 2018-, a pedagoga Antía Cal e a escritora María Xosé Queizán. Tamén foron distinguidas con este galardón en anteriores edicións Margarita Ledo, Carlos Casares, o Museo do Pobo Galego, ou Xosé Neira Vilas.
A presentación de candidaturas deberá realizarse preferentemente por medios electrónicos a través do modelo "solicitude xeral" dispoñible na sede electrónica da Deputación da Coruña