O Plan Único da Deputación financia con 107.992 euros a recuperación da ruta fluvial Rego dos Muíños, en Cabana
As obras permitirán reparar pasarelas peonís e facer desta importante contorna natural un espazo más accesible e seguro para as persoas que a visiten
Valentín González Formoso destacou a importancia do Plan Único para apoiar os concellos da provincia no financiamento de investimentos coma este, "que supón a recuperación dun espazo natural de referencia en Cabana de Bergantiños" e que "contribuirá a mellorar a estética e a accesibilidade da zona con novos camiños e pasarelas peonís seguras"
O Plan Único da Deputación da Coruña financia con 107.992 euros as tarefas de conservación, mantemento e recuperación da ruta fluvial do Rego dos Muíños, no concello de Cabana de Bergantiños. As obras, en fase de licitación, facilitarán o acceso pola senda que transita por ambas marxes da ruta e constitúen unha aposta por un dos recursos turísticos e medioambientais máis importantes do municipio.
A zona na que se actuará está na parroquia de Canduas e é visitada de forma frecuente por excursións de todo tipo, que se achegan a coñecer a riqueza natural da contorna, principal atractivo desta área recreativa. Por este motivo, e por criterios medioambientais, faise necesaria a actuación na contorna, co fin de acondicionar o espazo afectado polas subidas do río ao longo dos anos e polas inclemencias meteorolóxicas da borrasca Karim.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou a importancia do Plan Único para apoiar os concellos da provincia no financiamento de investimentos coma este, "que supón a recuperación e mellora dun espazo natural de referencia en Cabana de Bergantiños" e que "contribuirá tamén a mellorar a estética e a accesibilidade da zona con camiños e pasarelas peonís seguras".
As obras comprenden unha limpeza en ambas as dúas marxes do río e da propia canle para eliminar os materiais pétreos externos, as árbores mortas, a maleza e as matogueiras para evitar desbordamentos. Os traballos inclúen a roza mecánica a ambas marxes do camiño e a canle da ruta fluvial, o transporte da materia orgánica resultante da limpeza para o seu uso como abono nos campos e leña e a reposición de tubaxes de formigón en mal estado. A súa vez, reporase a rocalla procedente da recuperación feita na canle do río.
Posteriormente, repararanse pasarelas peonís e substituiranse os firmes de madeira e lastre que conforman a senda por outros que dean seguridade no seu tránsito, mellorando a accesibilidade e o agarre na zona e evitando así o risco de esvarar que hai na actualidade. Tamén se recolocarán as vigas transversais e a varanda a ambos lados da pasarela. Así mesmo, solucionarase a falta de nivelación pola propia perda de material do firme.
As obras conta cun prazo de execución de cinco meses e as empresas interesadas en presentar propostas poderán facelo ata o vindeiro 14 de marzo.