Estás en:Novas

O XXIII Certame de Teatro Escolar e Afeccionado da Deputación da Coruña regresa tras dous anos de parón

Ata o 3 de marzo está aberto o prazo para que as compañías e centros educativos poidan inscribirse

As obras representaranse no IES Rosalía de Mera de abril a xuño e haberá unha gala de entrega de premios no Teatro Colón

O XXIII Certame de Teatro Escolar e Afeccionado da Deputación da Coruña regresa tras dous anos de parón

O Certame de Teatro Escolar e Afeccionado da Deputación da Coruña regresa, coa súa vixésimo terceira edición, tras dous anos de parada obrigada motivada polas restricións derivadas da pandemia.

Desde hoxe, e ata o xoves 3 de marzo (inclusive), xa está aberto o prazo para que todas as compañías e centros educativos interesados en participar poidan inscribirse no XXIII Certame de Teatro Escolar e Afeccionado da Deputación da Coruña.

As obras distribuiranse nas categorías benxamín, infantil, cadete, xuvenil e sénior; representaranse nas instalacións do IES Rosalía Mera (A Coruña) durante os meses de abril, maio e xuño. A gala de entrega de premios celebrarase no Teatro Colón o día 17 de xuño.

Na web do IES Rosalía Mera (www.iesrosaliamera.com) na sección dedicada ao certame de teatro está toda a información relativa a esta edición, na que se atopan as bases para coñecer os requisitos de participación no certame teatral e condicións do mesmo, ríder técnico, plano de escenario, modelos oficiais de autorizacións de imaxe, así como, o enlace ao formulario en liña de inscrición.

Unha vez finalizado o período de inscricións, concretaranse cas compañías e centros educativos as datas e horarios asignados para poder deseñar e publicar o antes posible o calendario de actuacións. Así mesmo, fixarase unha data para a reunión cos representantes das diferentes compañías e centros educativos participantes para antes do comezo do certame.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, quixo agradecer "en nome da Deputación, o gran traballo que fixeron e que fan todos os centros participantes para retomar este certame e manter viva a chama do teatro afeccionado" e subliñou que "a súa dedicación é imprescindible para que todo saia ben xa que deles dependen desde os guións ata os vestiarios ou os decorados".

Unha parada creativa

Antes da parada pola pandemia, o Certame de Teatro Escolar e Afeccionado da Deputación da Coruña, na súa XXIII edición, tiña contemplado dar acollida a 105 obras de teatro representadas por diversos grupos, compañías e centros escolares.

Coa fin de elaborar unha pequena homenaxe a esta edición cancelada, preto de duascentas actrices, actores, directoras, directores e xurado que ían formar parte dela, colaboraron na realización dun vídeo gravando nas súas casas durante o confinamento un pequeno fragmento do texto orixinario da obra "La vida es sueño" de Pedro Calderón de La Barca e que pode verse en http://iesrosaliamera.gal/novidades/ver.htm?id=258&entradaActiva=[65]