Estás en:Novas

A Deputación abre o prazo para solicitar as súas bolsas de investigación e perfeccionamento de estudos artísticos

O BOP publica hoxe a convocatoria destas dúas liñas de axuda, que ofrecen un total de 45 bolsas con 10.000 euros cada unha

As persoas interesadas en solicitalas poderán facelo desde mañá ata as 14:00 horas do vindeiro 20 de abril de 2022

A Deputación abre o prazo para solicitar as súas bolsas de investigación e perfeccionamento de estudos artísticos

A Deputación da Coruña abre o prazo para solicitar as súas bolsas á investigación e ao perfeccionamento de estudos artísticos. O ente provincial dedica un orzamento de 450.000 euros para un total de 45 axudas.

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) recolle hoxe a convocatoria das subvencións, ás que as persoas interesadas poderán apuntarse desde mañá ata as 14:00 horas do día 20 de abril vía telemática a través da plataforma SUBTEL https://sede.dacoruna.gal/.

O Goberno de Valentín González Formoso mantén en 2022 o incremento realizado o ano pasado tanto no número de bolsas (que pasaron de 40 a 45) como da contía das mesmas, que sobe de 8.000 a 10.00 euros. A deputada de Educación, Sandra González, destacou en que as subvencións "son unha oportunidade para aproveitar o noso talento investigador e para que artistas da provincia completen a súa formación".

Importantes persoeiros do arte coruñés como Antonio Lago Rivera, Modesto Brocos, Eugenio Granell ou mesmo Isaac Díaz Pardo foron beneficiarios deste apoio provincial.

20 investigadoras e investigadores becados pola Deputación

No ámbito da investigación, o ente provincial dedica 200.000 euros para financiar 20 bolsas dirixidas a persoas con titulación universitaria que pretendan facer un traballo no período 2022-2023, cunha duración mínima de nove meses. As áreas beneficiarias poderán ser artes e humanidades (5 bolsas), ciencias (3), ciencias da saúde (3), ciencias sociais e xurídicas (5), enxeñaría e arquitectura (2) e estudos de xénero (2). Cada axuda contará cunha achega de 10.00 euros.

Acceso á convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP): https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2022/03/02/2022_0000000980.pdf

25 beneficiarios e beneficiarias das bolsas de perfeccionamento artístico

No caso das bolsas ao perfeccionamento de estudos artísticos, a Deputación dedica 250.000 euros para financiar 25 axudas cunha achega de 10.000 euros cada unha. A través delas, as persoas beneficiarias recibirán financiamento para custear o gasto derivado da realización de estudos artísticos fóra da Comunidade Autónoma durante o período 2022-2023 nalgunha destas áreas: audiovisual (2 bolsas), danza e artes do movemento (3), ilustración, artes plásticas e visuais (5), música (12) e teatro e interpretación escénica (3).

Acceso á convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP): https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2022/03/02/2022_0000000982.pdf