O Plan Único da Deputación financia con 241.029 euros melloras na seguridade viaria e no saneamento do Concello da Baña
O ente provincial licita por 192.945 euros o acondicionamento de accesos entre Cores e Lameiro, a pavimentación dos ramais da Tarroeira e Trasbarcala–Lte Negreira e o acondicionamento de estradas en Lañas e Fiopáns
Tamén achega 48.084 para dotar ao lugar de Emes de rede de abastecemento de auga, un servizo que beneficiará a uns 70 habitantes
O Plan Único da Deputación da Coruña destina 241.029 euros para mellorar a seguridade viaria e o servizo de abastecemento no Concello da Baña. Con esta achega, o ente provincial financia o 100% de tres actuacións de pavimentación e ampliación de vías no termo municipal e a dotación dunha rede de abastecemento de auga no lugar de Emes, na parroquia de Barcala.
Dentro das actuacións financiadas pola Deputación no municipio atópase a mellora de accesos entre Cores e Lameiro. Unha iniciativa para a que o ente provincial destina 67.160 euros e que contribuirá a incrementar a seguridade viaria na contorna, que conta cunha pavimentación deteriorada polo que se procederá a súa reposición con aglomerado en quente. Así mesmo, as tarefas ampliarán a vía en dirección Lameiro.
A institución provincial tamén financiará con 69.515 euros a pavimentación dos ramais da Tarroeira e Trasbarcala-Lte Negreira. Unhas estradas que contan cun abundante tráfico e que cuxo firme comezou a deteriorarse polo que se propón unha pavimentación con dous regos asfálticos.
Ambas actuacións inclúen a limpeza de beiravías e acondicionamento de tubaxes de pluviais e sinalización viaria. O seu prazo de execución fíxase en tres meses. As obras atópanse en fase de licitación e as empresas interesadas poderán presentar ofertas ata o 21 de marzo.
Por outra banda, a Deputación achega 56.270 euros para financiar o proxecto de mellora da seguridade viaria en Lañas e Fiopáns. A iniciativa permitirá pavimentar unha estrada en Lañas, unha vía que conta cun carácter estratéxico no municipio ao ser amplamente utilizada pola veciñanza. Tamén se acondicionará o firme de dous ramais de formigón en Vilar da Torre e Vilar de Suso. As medidas inclúen a limpeza de beiravías. As obras, que se atopan en fase de licitación ata o 22 de marzo, contan cun prazo de execución de tres meses.
Dentro das propostas que se han desenvolver na Baña, a Deputación licita por 48.084 euros o abastecemento de auga no lugar de Emes, na parroquia da Barcala. A través deste investimento a institución provincial colabora co Concello para dotar a unha poboación duns 70 habitantes dun servizo de subministración de auga municipal. Unha vez estea instalada a prestación, reporanse os firmes afectados pola actuación. O prazo de execución do proxecto é de tres meses e as empresas interesadas poderán presentar as súas propostas ata o 21 de marzo.