O Centro de Interpretación do Medio Mariño de Cabanas iniciará a súa andaina con vocación de ser referente no norte da provincia
O vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado de Turismo e Plans, Xosé Regueira, a deputada María Muíño e o tenente de alcalde de Cabanas, Iago Varela, veñen de realizar unha visita ás instalacións do Centro de Interpretación do Medio Mariño (CIMM) de Cabanas, unha infraestrutura museística sobre o medio mariño e a interacción do home co mesmo que nace con vocación de situarse como referente no norte galego.
"O CIMM de Cabanas está chamado a ser un polo de atracción para o turismo vencellado ao mar no norte da provincia da Coruña", indicou Regueira tras coñecer de primeira man as potencialidades deste recurso. "Que o espazo estea concibido cunha perspectiva polivalente, con capacidade para albergar exposicións e actividades, así como a súa localización nun lugar estratéxico, ao pé do Camiño Inglés e na entrada do concello, posiciónano como un lugar con enormes posibilidades", engadiu o vicepresidente.
Convén lembrar que a fase de construción do CIMM de Cabanas, financiada con fondos europeos a través do GALP, está rematada, e durante o presente ano terá lugar a súa dotación e a realización de diversas actividades nas que se inclúen exposicións, obradoiros, e saídas interpretativas ao territorio, cun orzamento de preto de 100.000 €
Doutra banda, o Concello de Cabanas presentou solicitudes para o financiamento de persoal para a atención de museos e centros de interpretación e para a atención en oficinas de turismo, a través das convocatorias que ten neste momento habilitadas a Deputación da Coruña. "O financiamento da Deputación para a contratación de persoal de atención a visitantes é fundamental para que concellos pequenos coma o de Cabanas poidan ofrecer uns servizos de calidade tanto para a veciñanza como para as persoas que nos visitan", indicou Varela a este respecto.
Plan de Sustentabilidade Turística en Destino do Eume
Durante a visita, Varela tamén aproveitou para trasladarlle a Regueira o agradecemento polo apoio da Deputación ao proxecto das Fragas do Eume para os Plans de Sustentabilidade Turística en Destino –os denominados fondos Next Generation-, e que vai mobilizar millón e medio de euros destinados á mellora da competitividade turística na comarca. Precisamente a protección do medio natural e o seu uso como motor de desenvolvemento económico é unha das características fundamentais que recolle a memoria deste proxecto.
O proxecto de Fragas do Eume implica aos cinco concellos da comarca -As Pontes, Cabanas, Monfero, Pontedeume e A Capela- e inclúe tanto o ámbito do parque natural Fragas do Eume como outros recursos de carácter natural e patrimonial da comarca. A grandes trazos, os catro eixes incluídos na memoria técnica recollen intervencións enfocadas a aumentar a competitividade turística do territorio; incorporar a sustentabilidade e a dixitalización nos proxectos turísticos; diversificar a oferta no ámbito turístico así como no ámbito cultural e no das novas tecnoloxías; e garantir que a protección e preservación do capital natural, é dicir, que non se vai distorsionar a sustentabilidade dun entorno tan sensible como é a propia Fraga nin os usos de carácter natural que debe ter este ecosistema.