Xosé Regueira avoga polo intercambio de experiencias culturais entre Portugal e Galiza como recurso turístico
O vicepresidente da Deputación participa esta fin de semana nun encontro sobre Cooperación Trasfronteiriza na localidade portuguesa de Alijó, que analiza a experiencia cultural en relación ao territorio e a capacidade para atraer turismo
Como exemplo na provincia da Coruña, citou a liña de axudas para eventos de arte urbana que, a través da área provincial de Turismo, apoia festivais de arte de rúa consolidados en distintos concellos, como son o Desordes Creativas de Ordes, o Rexenera Fest de Carballo, o Mural Fest de Cambre, ou as Meninas de Canido de Ferrol
A experiencia cultural como recurso para atraer turismo de calidade, é a liña de traballo que o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira defendeu na palestra sobre Cooperación Transfronteiriza que tivo lugar na tarde do venres na localidade portuguesa de Alijó (rexión de Tras-os-Montes e Alto Douro). O vicepresidente está participando nesta fin de semana nun encontro no que se analiza a relación da cultura coa capacidade para atraer turismo e promover o coñecemento sobre o territorio no que se desenvolve a experiencia cultural.
Este foro, no que participan institucións como a propia Cámara Municipal de Alijó, a Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro, Turismo do Porto e Norte de Portugal, e a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Regional do Norte, está organizado polos produtores vinícolas da comarca e pola Fundación Joana Vasconcelos.
Durante a súa intervención, Xosé Regueira avogou por "establecer vías de intercambio reais de experiencias culturais no marco da lusofonía, para promover un maior coñecemento do que se está producindo culturalmente a cada beira do Miño, un coñecemento que debería darse case de xeito natural e que sen embargo é practicamente inexistente a día de hoxe". Neste sentido, o vicepresidente asegurou que "tras a pandemia estase reconfigurando o mercado turístico e o obxectivo pasa por captar un tipo de turista consciente e que demanda coñecemento sobre as singularidades do territorio que elixe como destino, e aquí é onde xoga un papel fundamental a experiencia cultural que lle poidamos ofrecer". A este respecto, Regueira matizou "que non se trata de ofrecer entretemento constante senón experiencias coherentes co territorio e coa produción cultural das comunidades locais".
Ademais dos recursos patrimoniais de cada lugar, o vicepresidente mencionou a necesidade de traballar en iniciativas que "poñan en valor o inmaterial e o intanxible e o convertan nun recurso tanto para a poboación local como para os visitantes". Como exemplo na provincia da Coruña, citou a liña de axudas para eventos de arte urbana que, a través da área provincial de Turismo, apoia festivais de arte de rúa consolidados en distintos concellos, como son o Desordes Creativas de Ordes, o Rexenera Fest de Carballo, o Mural Fest de Cambre, ou as Meninas de Canido de Ferrol.
Aproveitando a presenza neste encontro da artista portuguesa de proxección internacional, Joana Vasconcelos, o vicepresidente trasladoulle un convite expreso a visitar a provincia da Coruña para coñecer distintos os festivais de arte urbana.