Blas García puxo en valor a Festa da Filloa de Lestedo e agradeceu aos colectivos que a fan posible o seu traballo a prol da tradición cultural e popular
A Deputación da Coruña colabora un ano máis no festexo deste encontro, en cuxa organización participan máis de 200 veciños e veciñas
O deputado de Promoción Económica, Blas García, participou na inauguración da nova edición da Festa da Filloa de Lestedo, no Concello de Boqueixón, que volve despois do parón provocado pola covid-19 na anterior edición.
No acto, García puxo en valor o produto típico da zona e fixo fincapé en que "esta celebración difunde a gastronomía da contorna, xerando riqueza, pero tamén serve como medio para crear novos vínculos de convivencia e relacións entre a veciñanza".
A Deputación da Coruña colabora un ano máis no festexo deste encontro, en cuxa organización participan máis de 200 veciños e veciñas. Blas García subliñou na súa intervención a importancia que ten para os Concellos "o labor que desempeñan asociacións e colectivos como a Asociación Cultural da Filloa, xa que sen eles sería impensable organizar eventos coma este".
O deputado provincial remarcou que desde a institución provincial "agradecemos e seguiremos colaborando e dando apoio ás pequenas asociacións e colectivos que, de xeito desinteresado, manteñen viva a tradición cultural e popular da nosa provincia".