A Deputación inviste 245.000 euros a través do Plan Único para a mellora de infraestruturas en Subeiro e A Carballa, en Vimianzo
Trátase de dúas intervencións: a primeira, a mellora da estrada que conecta ambos núcleos; a segunda, a canalización do saneamento e repavimentación na Carballa
A Deputación da Coruña ten previsto o investimento de 244.556,70 euros a través do Plan Único para melloras de infraestruturas en Subeiro e A Carballa, no Concello de Vimianzo.
Trátase de dúas intervencións: a primeira, a mellora da seguridade viaria na estrada de Subeiro a Carballa, en aglomerado, e que conecta ambos núcleos. O proxecto conta cun orzamento de 130.639,60 euros e está en fase de licitación ata o vindeiro 10 de marzo. A segunda, cun orzamento de 113.917,1 euros e nuns traballos que comezarán nas vindeiras semanas, consistirán na canalización do saneamento e a repavimentación na Carballa.
A institución presidida por Valentín González Formoso financiará o 100% dos custos de ambos proxectos. En tanto en canto os primeiros, permitirán renovar o firme da plataforma ao longo de 1.050 metros. Executarase unha cuneta en formigón e tres treitos de gabia revestida de seguridade nos interiores das curvas, co obxectivo de garantir unha maior seguridade a aquelas persoas que se despracen pola vía.
Tamén se dispoñerán tres fochancas de formigón na intersección de camiños non pavimentados e limparanse cunetas para garantir un correcto funcionamento do sistema de drenaxe.
Nestas zonas recuperarase a cota de rasante. Ademais, as cunetas están cheas de vexetación, con terra, ramas e pequenas rochas, polo que non cumpren a función de evacuar as augas de choiva. Limparanse e perfilaranse con moto niveladora.
Por outra parte, repavimentarase a rúa principal do núcleo. Para iso, demolerase o pavimento existente, pavimentarase con formigón impreso e executarase unha rede de recollida de pluviais e unha preinstalación de recollida de augas residuais. A viabilidade desta vén determinada pola comprobación das cotas de terreo, cara a posiblelocalización da depuradora, que está en fase de estudo.