Formoso apoia a demanda do comité de empresa de Navantia Fene e Ferrol para a construción dun novo dique cuberto
O presidente coincide cos traballadores na necesidade de dotar o estaleiro de infraestruturas adecuadas "para mellorar a súa competitividade internacional" e comprométese a trasladar as súas demandas ao Goberno
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, mantivo na tarde de onte unha reunión cos representantes do comité de empresa de Navantia Fene e Ferrol.
Os representantes sindicais trasladaron ao presidente provincial as súas propostas e demandas de investimentos co obxecto de mellorar a competititividade do estaleiro en relación con outros centros mundiais dedicados á construción naval militar, entre elas a construción dun dique cuberto, así como a aposta polas enerxías renovables e as reparacións.
Formoso coincidiu cos representantes sindicais na necesidade de investimentos que potencien a actividade e o emprego no estaleiro.
"Coincidimos cos traballadores en que para garantir o futuro do estaleiro e para dotalo de competitividade nos mercados internacionais de cara aos concursos aos que se presente Navantia no futuro, necesita estar dotado de infraestruturas axeitadas", afirmou Formoso, que subliñou que "o dique cuberto, aínda que se execute en dúas fases, rebaixaría custes e prazos de entrega, o que suporía unha notable mellora da competitividade".
Formoso reiterou aos traballadores a oferta de trasladar a Navantia e á SEPI as demandas de investimentos que impulsen a carga de traballo e a actividade no estaleiro e, neste sentido, destacou "a importancia que supón o programa de construción das fragatas F-110 para a concreción de carga de traballo durante a próxima década", con 4.300 millóns de euros de investimentos que xerarán 7.000 empregos directos e indirectos.