O Plan Único da Deputación destina 30.000 euros para as obras de mellora de pavimentos e accesibilidade no campo de fútbol de Cariño
Renovarase o pavimento de formigón e lastro da banda oeste por outro de formigón impreso de 15 centímetros de espesor
O proxecto está publicado no perfil do contratante do Concello e o prazo de presentación de ofertas remata o 23 de marzo
A Deputación da Coruña financia, a través do Plan Único, as obras de mellora de pavimentos e accesibilidade no campo de fútbol do Concello de Cariño. A actuación, que conta cun orzamento de 30,214,73 euros, está actualmente a licitación no perfil do contratante municipal e o prazo de presentación de ofertas remata o 23 de marzo.
O campo de herba artificial de Cariño conta, na súa banda oeste, cunha zona situada entre a zona de céspede e o pechamento do recinto que está pavimentada con formigón e lastro e que dá acceso ás bancadas, vestiarios, ambigú e outras instalacións.
Os traballos que se han levar a cabo inclúen a renovación do actual firme desa banda oeste por outro de formigón impreso de 15 centímetros de espesor que permitirá mellorar a accesibilidade e a seguridade dos usuarios e usuarias das instalacións, xa que o actual está deteriorado.
Aproveitando a execución desta actuación, tamén se substituirán as tubaxes existentes para drenaxe e canalización de pluviais antes de botar o novo pavimento de formigón.