Formoso chama a defender a “democracia e a liberdade” na ofrenda floral realizada en Ferrol polo Día da Clase Obreira Galega
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou esta mañá xunto ao alcalde de Ferrol, Ángel Mato, nunha ofrenda floral con motivo dos actos de conmemoración do 50 aniversario do 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega.
"Unha homenaxe ao movemento sindical obreiro que está personificada en Daniel e Amador, que deron a súa vida por uns valores que nos permiten vivir agora en democracia e que temos a obriga de preservar", subliñou González Formoso. O presidente provincial resaltou que estes principios "nunca están garantidos, temos que regar esa flor da democracia e da liberdade permanentemente".
Esta xornada realízase en memoria de Amador Rey e Daniel Niebla, sindicalistas de Comisións Obreiras (CCOO) asasinados pola policía franquista en 1972, e a todas as persoas que loitaron polos dereitos democráticos dos que hoxe en día gozamos.