Formoso destaca que “o Goberno cumpre a palabra dada” coa licitación da conexión ferroviaria do porto exterior da Coruña
O presidente asistiu xunto á ministra Raquel Sánchez e a alcaldesa Inés Rey á presentación do proxecto, que supón un investimento de 140 millóns de euros
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou hoxe que coa licitación da conexión ferroviaria do porto exterior da Coruña "o Goberno de España cumpre a palabra dada" e pon en marcha "unha infraestrutura estratéxica para a provincia da Coruña e para Galicia, que suporá un importante investimento de preto de 140 millóns de euros, que xa está en fase de licitación pública, polo que comezará pronto a ser unha realidade".
González Formoso asistiu no Pazo municipal de María Pita ao acto público de presentación do proxecto xunto coa ministra de Transportes e Mobilidade, Raquel Sánchez, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, entre outras autoridades.
En declaracións aos medios antes do inicio do acto, Formoso explicou que a licitación desta gran obra "supón o cumprimento da palabra dada hai uns meses nesta mesma casa (o Concello da Coruña), onde todas as institucións reclamamos que Punta Langosteira contara cunha conexión ferroviaria", imprescindible para "garantir a operatividade e competitividade" do porto exterior, explicou.
O acceso ferroviario, financiado con cargo aos fondos Next Generation, terá unha lonxitude de 6,7 quilómetros, dos que 5,3 discorren en túnel.