A Deputación licita por 1,6 millóns as obras de mellora integral da seguridade na estrada DP 9203 de Caxadas a Baíñas
Trátase do maior investimento programado pola área de Vías e Obras neste ano
As obras inclúen a construción de case dous quilómetros de senda peonil e a modificación do trazado para eliminar as curvas perigosas existentes no núcleo de Padreiro
A Deputación licita por 1.615.469,64 euros as obras de ampliación e mellora da seguridade da estrada provincial DP 9203 de Caxadas a Baíñas, en Vimianzo.
Segundo explicou o presidente provincial, Valentín González Formoso, "trátase do maior investimento programado este ano pola área de Vías e Obras da Deputación".
As obras permitirán construír unha senda peonil de case dous quilómetros de lonxitude e mellorar o sinuoso trazado actual da vía no núcleo de Padreiro, que presenta curvas perigosas nas que se rexistra unha elevada sinistralidade.
A necesidade de acometer unha mellora integral da seguridade desta vía foi unha das cuestións prioritarias que a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, trasladou ao presidente da Deputación, Valentín González Formoso, deste o inicio do actual mandato.
Tras as visitas do presidente provincial e o deputado de Obras, José Manuel Pequeño, á zona, a redacción do correspondente proxecto técnico de mellora da seguridade, e o remate das expropiacións dos terreos necesarios nas que se investiron 248.239 euros, a Deputación deu hoxe luz verde definitiva a esta importante obra coa publicación da licitación, que estará aberta ata o 6 de abril para que as empresas presenten as súas ofertas.
As obras permitirán á veciñanza das vivendas lindeiras coa DP 9203 dispor dun novo itinerario peonil accesible e seguro e que os máis pequenos tamén poidan acceder con seguridade ao bus escolar que para na zona.
A senda, de 1,80 metros de ancho e 0,5 de beiravía, discorrerá durante case 2 quilómetros desde o punto quilométrico 0+000 ata o 1+940. A plataforma incluirá ademais unha nova estrutura ao paso do río Castro, onde a existente carece de capacidade para desaugar necesaria.
O proxecto tamén inclúe tamén a mellora do trazado da estrada no punto quilométrico 4+500, actualmente moi sinuoso, con curvas de radio reducido á altura do núcleo de Padreiro de Abaixo. A través desta medida preténdese que o radio mínimo sexa de 250 metros, cunha sección de plataforma de sete a nove metros pavimentado con mestura bituminosa en quente.