Blas García destaca o traballo de Protección Civil durante a pandemia
Participou en Oroso na entrega da Insignia de Ouro do Concello de Oroso á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do municipio
O deputado Blas García asistiu á entrega da Insignia de Ouro do Concello de Oroso á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do municipio. Durante a súa intervención, trasladou o agradecemento do presidente e de toda a Deputación da Coruña polo traballo que realizan a diario estas persoas.
"As administracións temos que dotar e apoiar aos voluntarios e voluntarias de Protección Civil dos medios técnicos e da formación necesaria para desenvolver a súa actividade nunhas condicións óptimas", declarou Blas García.
Neste camiño está traballando a Deputación da Coruña, dotando ás agrupacións da provincia de equipos de telecomunicacións, motos e bicicletas, ademais de subvencións para o seu funcionamento ordinario.
Ademais, desde o organismo provincial defendemos que as emerxencias e o voluntariado non se deben de politizar, por iso apostamos por unha colaboración entre administracións, tal e como a que existe entre a Deputación e a Xunta de Galicia.
Por último o deputado, que é voluntario deste corpo desde hai anos, confesou que é unha "honra" formar parte desta familia. "Deixamos de estar coa nosa familia de verdade por atender aos demais de maneira altruísta, pero é un orgullo o que sentimos cada que axudamos a alguén", concluíu.