Formoso demanda á ministra de Transportes melloras na liña ferroviaria Ferrol- A Coruña
O presidente reuniuse coa ministra de Transporte e Mobilidade, Raquel Sánchez
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse coa ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez Jiménez, coa que abordou a necesidade de acometer melloras na liña ferroviaria que conecta Ferrol e A Coruña.
No encontro, Formoso incidiu en que a modernización do ferrocarril, ben acometendo melloras no actual trazado ou construíndo un novo, é unha das principais prioridades de ambas urbes en materia de infraestruturas e defendeu a necesidade de que a liña de tren estea electrificada, poida soportar un tráfico mixto de pasaxeiros e mercadorías e conte cun trazado axeitado e tempos de conexión razoables entre ambas as dúas cidades para que poida ser competitiva e dar servizo a todo o arco atlántico, con máis de medio millón de habitantes.
"Somos conscientes de que se precisan investimentos moi importante, pero a ministra é coñecedora e sensible á problemática existente nesta liña ferroviaria tan anticuada e de que é necesario ir dando pasos para avanzar na súa imprescindible modernización", afirmou Formoso, que considerou que os tempos actuais de máis 1 hora e 15 minutos "non son propios do século XXI":
Neste sentido, o presidente provincial destacou que desde o Ministerio de Transportes xa se están dando pasos como o estudo informativo da variante de Betanzos, que será a primeira obra de importancia nos máis de cen anos desta liña ferroviaria, e que vai na dirección atender as reivindicacións de melloras do tendido ferroviario que conecta Ferrol e A Coruña.