A Deputación licita por 450.000 euros as obras de acondicionamento de máis de 10 km da DP 0514 de Arteixo a Caión
As obras permitirán renovar o firme da vía cunha nova capa de mestura bituminosa en quente e incrementar a seguridade do carril bici con nova sinalización
A Deputación da Coruña incrementará a seguridade viaria dos municipios de Arteixo e A Laracha coa mellora do firme da estrada DP 0514 de Arteixo a Caión. As tarefas contarán cun orzamento 449.978 euros procedentes da institución provincial, que continúa acondicionando a súa rede de estradas.
As obras, en fase de licitación ata o 6 de abril de 2022, servirán para renovar máis de 10 quilómetros de estrada cunha capa de mestura bituminosa en quente. Desta forma, a Deputación incrementará a seguridade para os vehículos que transiten pola plataforma. Dentro da mellora do firme, levarase a cabo o fresado necesario en zonas de entronque con outras estradas e entradas de parcelas, segundo explicou o deputado responsable da área de Vías e Obras, José Manuel Pequeño.
Do mesmo xeito, acondicionarase o carril bici existente para que aquelas persoas que discorran por el poidan facelo sen riscos. Para conseguilo proxéctanse captafaros de pavimento, pintura de banda con resaltos sonoros e pictogramas característicos.
Para completar a actuación abriranse e limparanse as cunetas a ambas marxes do itinerario, mellorarase a drenaxe existente mediante a instalación de novos sumidoiros e ampliación do canal de drenaxe e renovarase a sinalización horizontal. Por último, podarase o arboredo da contorna que polo seu estado actual pode supoñer un problema para as persoas que discorran pola estrada.
As tarefas contan cun prazo de execución de tres meses, durante os que se deixará sempre habilitado un dos carrís de circulación para manter o tráfico durante os traballos, reducindo ao máximo as posibles afeccións no servizo.