Éxito dos seminarios intensivos de defensa persoal feminina da Deputación, nos que participaron máis de 400 mulleres
A deputada de Deportes, Cristina Capelán, clausurou onte en Melide a derradeira xornada da actividade, que se celebrou tamén nos concellos de Ortigueira, Ferrol, Culleredo, Carballo, Cee, Boiro e Ames
As participantes tiveron a oportunidade de aprender e ensaiar técnicas de autodefensa e protocolos de actuacións ante posibles situacións de perigo
A Deputación da Coruña finalizou esta fin de semana en Melide os seus seminarios intensivos de defensa persoal feminina, nos que participaron un total de 420 mulleres.
A deputada de Deportes, Cristina Capelán, asistiu á clausura dos talleres celebrada en Melide, derradeiro municipio en acoller esta actividade provincial que, segundo sinalou Capelán, "foi moi ben acollida ao longo das diferentes xornadas celebradas tamén en Ortigueira, Ferrol, Culleredo, Carballo, Cee, Boiro e Ames".
Os talleres foron completamente gratuítos e neles puideron participar mulleres de 14 a 70 anos empadroadas en calquera concello da provincia da Coruña. Durante a xornada aprenderon técnicas de autodefensa e protocolos de actuación no ámbito da defensa persoal. Deste xeito, descubriron como situarse, afianzarse, saber caer e levantarse, manexarse no chan, moverse e desprazarse ou manter a distancia.