Estás en:Novas

A Deputación convoca o XXI Premio Miguel González Garcés de poesía

A Deputación convoca o XXI Premio Miguel González Garcés de poesía

A Deputación da Coruña vén de convocar o premio literario Miguel González Garcés de poesía, que chega á súa 31ª edición. As bases poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia do 15 de marzo e o prazo de presentación de traballos publicarase no BOP en vindeiras datas.

Con carácter bianual desde o ano 2000, o González Garcés "non só dá continuidade ao que xa é unha tradición na convocatoria poética en lingua galega e recolle tamén o exemplo deste significativo escritor coruñés, senón que constitúe un fiable indicador da boa saúde da literatura galega e, en concreto, da súa poesía", en palabras do responsable provincial de Cultura, Xurxo Couto.

O premio é único e está dotado coa cantidade de 6.500 euros. Poderá quedar deserto e ser concedido con carácter ex aequo; neste caso, o seu importe repartirase proporcionalmente entre as persoas que resulten premiadas.

"Silabario da peste", de Lupe Gómez, e "Contra natura", de Daniel Asorey, foron as obras gañadoras en 2020. Pero na nómina de premiadas e premiados no certame da Deputación hai outros nomes senlleiros da lírica galega, como Luz Pozo Garza (premiada en 1992 por "Prometo a flor de loto"), Helena Villar Janeiro (accésit en 1994 por "Festa do corpo"), Xosé María Álvarez Cáccamo (gañador en 1999 con "Vocabulario das orixes") ou Miguel Anxo Fernán-Vello (gañador en 2004 con "Capital do corpo").