Estás en:Novas

Aberto o prazo para presentar traballos e candidaturas aos premios Narf, Ksado, Begoña Caamaño e Antonio Fraguas

Aberto o prazo para presentar traballos e candidaturas aos premios Narf, Ksado, Begoña Caamaño e Antonio Fraguas

A Deputación da Coruña vén de facer pública no Boletín Oficial da Provincia a aprobación definitiva das bases e a apertura do prazo de presentación de traballos e candidaturas a catro dos seus premios culturais. Trátase do VI Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero, o XIV Certame Antonio Fraguas Fraguas de artesanía, o XVI Premio Luis Ksado de creación fotográfica e o XIV Concurso Fran Pérez "Narf" para grupos e artistas musicais. Entre os catro certames a institución provincial repartirá 40.000 euros para as gañadoras e gañadores.

O VI Premio Begoña Caamaño está destinado a recoñecer traxectorias de persoas, colectivos ou entidades e propostas artísticas comprometidas coa promoción da igualdade de xénero desde o pensamento feminista e desde o campo da cultura. Establécense dous galardóns, dotados con 6.500 € cada un deles; un para recoñecer a traxectoria de persoas, colectivos ou entidades, e outro para premiar iniciativas ou proxectos culturais. O prazo de presentación de solicitudes rematará ás 14 horas do vindeiro 5 de maio.

No XIV Certame Antonio Fraguas poderán participar todas as persoas que traballen no campo da artesanía galega tradicional ou contemporánea, tanto a título particular como en agrupacións de varios autores, colectivos e asociacións, e que non fosen premiados neste certame nos catro anos anteriores. Para cada unha das dúas modalidades, a tradicional e a contemporánea, establécese un premio de 6.500 euros. O xurado poderá propoñer a adquisición das obras premiadas, sempre que a valoración de cada unha delas non sexa superior a 8.000 €. O prazo de presentación de traballos rematará ás 14 horas do vindeiro 20 de maio.

O XVI Luís Ksado concederá un único premio, ao gañador ou gañadora, por un total de 6.500 euros. O xurado poderá realizar unha selección entre as obras non premiadas para a súa inclusión nunha exposición itinerante por municipios da provincia. Con motivo desta exposición editarase o correspondente catálogo e as persoas que resulten seleccionadas recibirán, cada unha delas, unha cantidade única de 300 €, en concepto de cesión temporal das coleccións. O prazo de presentación de traballos rematará ás 14 horas do vindeiro 20 de maio.

O 'Narf' chega á súa XIV edición e está dirixido a grupos ou artistas musicais en galego do ámbito da música pop e variantes, como o folk, o rock, rap ou reaggae, e que non fosen premiados nos cinco anos naturais anteriores do concurso. Este certame, que homenaxea a figura e obra do músico e compositor Fran Pérez 'Narf', establece un primeiro premio dotado con 4.000 euros, un segundo con 2.000 euros e un terceiro con 1.500 euros. O prazo de presentación de solicitudes rematará ás 14 horas do vindeiro 31 de maio.