Estás en:Novas

A Deputación apoia con 150.000 euros os investimentos e a actividade das protectoras de animais domésticos da provincia

As axudas van dun mínimo de 1.000 a un máximo de 15.000 euros e permitirán financiar a mellora de infraestruturas e o equipamento das asociacións

O deputado provincial José Ramón Rioboo sinalou a importancia dunhas subvencións que "prestan apoio a un sector que desenvolve un labor esencial de coidados animais de maneira altruísta"

A Deputación apoia con 150.000 euros os investimentos e a actividade das protectoras de animais domésticos da provincia

A Deputación da Coruña destina este ano 150.000 euros para apoiar os investimentos e a actividade das asociacións protectoras de animais domésticos da provincia. O Boletín Oficial da Provincia (BOP) recolleu esta semana as bases das axudas.

O ente provincial dedica 50.000 euros ao programa de subvencións dirixido á realización de investimentos, que permitirá financiar aplicacións informáticas, terreos e bens naturais, construcións, equipamento, mobiliario e transporte. As achegas por beneficiario poderán oscilar desde un mínimo de 1.000 a un máximo de 15.000 euros.

Tamén se dará apoio desde a Deputación ao desenvolvemento da actividade das asociacións cunha liña de axudas de 100.000 euros para a compra de bens destinados á actividade, traballos realizados por veterinarios, salarios e seguridade social. Neste caso, as contías tamén van dos 1.000 aos 15.000 euros.

O deputado de responsable da área de Emprego, Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, José Ramón Rioboo, sinalou a importancia das achegas a "un sector que desenvolve un labor de coidados animais de maneira altruísta con importantes implicacións na sanidade pública". Rioboo lembrou que en anteriores convocatorias estas axudas permitiron executar grandes melloras nas instalacións das protectoras e adquirir material como medicamentos, chips, alimentos ou elementos de hixiene.

O prazo de presentación de solicitudes a través da plataforma SUBTeL da Deputación determinarase no anuncio do extracto de cada convocatoria que se publicará no BOP, por conduto da Base de Datos Nacional de Subvencións.

Consulta as bases publicadas no BOP:

https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2022/03/15/2022_0000001334.pdf

https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2022/03/15/2022_0000001333.pdf