A Deputación dedica 76.891 euros do Plan Único a incrementar a seguridade viaria no lugar de Insua, en Teo
Renovaranse 6.765 metros cadrados de estradas municipais para mellorar as condicións de circulación dos vehículos na parroquia de Luou
As obras están en fase de licitación ata o vindeiro 30 de marzo
A Deputación da Coruña presta apoio financeiro ao Concello de Teo para a renovación do firme de estradas municipais no lugar de Insua, parroquia de Luou. Faino a través do seu Plan Único, que financia o 100 % das actuacións cunha achega total de 76.891 euros. As obras están en fase de licitación ata o 30 de marzo de 2022.
Na actualidade, estas vías presentan deficiencias na súa plataforma, ocasionadas, fundamentalmente, polo paso do tempo, as inclemencias meteorolóxicas e o desgaste ocasionado polo tráfico rodado diario. Neste contexto, o ente provincial financia o estendido dunha nova capa de aglomerado asfáltico e a limpeza de gabias para incrementar a seguridade viaria na zona e mellorar a comodidade dos vehículos que discorren por ela.
Previamente a estas tarefas, levarase a cabo a reparación de fochancas no tramo no que se vai actuar, que comprende unha lonxitude duns 1.835 metros, cunha superficie total para aglomerar de 6.765 metros cadrados.
As obras proxectan tamén nova sinalización horizontal e vertical mediante pintado de liñas en bordos e colocación de sinais e o recrecido de 27 pozos de saneamento, 20 sumidoiros, 2 reixas lonxitudinais de drenaxe e 4 tapas de rexistro existentes ata a cota final de acabado. Os traballos terán como resultado unhas infraestruturas básicas en condicións óptimas para uso da veciñanza da contorna.