A Deputación inaugura a sinalización do segundo tramo do Camiño Inglés no nordés de Gran Bretaña
O deputado de Facenda, Antonio Leira, cravou no Parque dos Cervos, en Bishop Auckland, o sinal simbólico da ruta xacobea
A Deputación continúa, deste xeito, co seu labor de promoción do Camiño de Santiago en territorio británico
A Deputación da Coruña continúa a súa promoción do Camiño Inglés no nordés de Gran Bretaña. O deputado de Facenda, Antonio Leira, inaugurou esta fin de semana a sinalización do segundo tramo desta ruta xacobea en Bishop Auckland.
En presenza da alcaldesa da localidade, Katie Eliot, Leira chantou o sinal simbólico do Camiño a Santiago no chamado Parque dos Cervos. "Quero agradecer a Friends of Finchale Camino o seu traballo de identificación da ruta xacobea entre a catedral de Durham e Bishop Auckland, que está agora perfectamente sinalizada ao longo dos seus máis de vinte quilómetros", expresou o deputado provincial.
Deste xeito, a Deputación continúa o seu labor de promoción do Camiño Inglés, sumándose esta acción á promoción xa feita da primeira etapa: desde o nacemento do Camiño Inglés, na abadía de Finchale, ata a catedral. Neste último tramo tamén colaborou a Xunta de Galicia, co financiamento da sinalización.
Leira percorreu na súa visita un tramo da ruta e participou en diversos encontros para coñecer máis de preto a realidade da zona. O deputado provincial achegouse ata a xoia gótica do palacio do arcebispo e a Spanish Gallery, un centro cultural que acolle a maior colección privada do mundo de Zurbaráns.
Despois dun xantar ofrecido polas autoridades locais, Leira dirixiuse ao St. John's, un colexio con 1.500 alumnos que fan cada ano traballos relativos ao Camiño Inglés e que é un referente educativo na comarca. No centro, o deputado descubriu unha placa que reafirma o compromiso coas peregrinacións a Compostela. Na súa visita aproveitou para facer entrega de dous premios a un grupo de alumnos que participaron nun traballo escolar promovido desde o Concello de Oroso.
Para rematar, Leira entrevistouse na cidade de Durham cos responsables da área de turismo do condado, que é un dos máis activos de todo o nordés inglés debido aos seus patrimonios da humanidade, os seus barrios históricos e as súas praias.