A Deputación adxudica por 205.604 euros as obras para dotar de beirarrúas e de aparcadoiros a estrada DP 8901 ao seu paso por Vedra
O Servizo de Vías e Obras provincial incrementará a seguridade viaria da estrada ao longo de case 700 metros
As obras permitirán humanizar a zona atendendo as necesidades da veciñanza
A Deputación da Coruña mellorará a seguridade viaria na estrada provincial DP 8901 da Gaiosa a Ponte de Sarandón, no concello de Vedra. O proxecto, que acaba de ser adxudicado por 205.604 euros servirá para construír novas beirarrúas ao longo de case 700 metros, así como para configurar espazos de aparcadoiro.
O ente provincial reordena deste xeito unha zona na que se dispoñen vivendas para humanizala atendendo as necesidades da veciñanza. Co fin de ofrecerlle á cidadanía novos espazos peonís, construiranse beirarrúas ao longo de 670 metros. Estas executaranse a ambas marxes da estrada provincial DP 8901, exceptuando un tramo de 150 metros, que será configurado só na marxe dereita.
José Manuel Pequeño, deputado de Vías e Obras, destacou a "continuada e firme aposta da Deputación por adaptar as estradas provinciais ás necesidades actuais dos veciños e veciñas, ofrecendo uns bos servizos e infraestruturas que permitan mellorar a calidade de vida da poboación".
Os traballos tamén permitirán dotar ao lugar de novos espazos de aparcadoiro no tramo que vai desde o punto quilométrico 2+600 ao 2+900. Ademais, a Deputación colocará as canalizacións necesarias para a recollida de pluviais, executará pozos e sumidoiros e prolongará a obra de drenaxe existente coa execución dun pozo. Do mesmo xeito, incrementará a seguridade viaria cun 'Stop' e cebreado, así como coa recolocación da sinalización vertical.
O proxecto foi adxudicado por un importe de 205.604 euros e contará cun prazo de execución de seis meses desde o inicio das obras.