EUROPE DIRECT A Coruña organiza o VIII encontro de redes europeas entre Galicia e o Norte de Portugal
A reunión anual, que terá lugar o vindeiro xoves 24, servirá para intercambiar boas prácticas e fomentar a cooperación entre os centros transfronteirizos
O centro EUROPE DIRECT A Coruña organiza o vindeiro xoves 24 de marzo o oitavo encontro das redes europeas presentes en Galicia e o Norte de Portugal, unha xornada de traballo conxunto que terá lugar en Santiago de Compostela.
A reunión, que se convoca anualmente, ten como obxectivo intercambiar experiencias e boas prácticas entre as diferentes redes e tamén incentivar a cooperación entre elas coa organización de accións e actividades que divulgan tanto o traballo dos centros europeos como a colaboración transfronteiriza entre Galicia e o Norte de Portugal.
As redes de información europea son canles creadas pola Comisión Europea para poñer ao servizo da cidadanía información xeral sobre as oportunidades, dereitos e políticas europeas. Existen redes de información xeral sobre as institucións e as súas políticas, como a rede Europe Direct, e outras redes de carácter especializado, como Enterprise Europe Network, a Rede EURES e Eurodesk.
Os puntos de contacto das redes de información europea representadas en Galicia están compilados na páxina https://dacoruna.gal/europedirect/europa-en-galicia. Neste enderezo tamén se pode descargar o folleto de redes que vén de ser actualizado por EUROPE DIRECT A Coruña.
Pódese atopar máis información na páxina web dacoruna.gal/europedirect ou contactar co centro a través do correo europedirect@dacoruna.gal